O Eixo celebra en Santa Maria da Feira o I Seminario de Intercambio de Experiencias no ámbito da Cultura
As cidades do Eixo compartiron os seus coñecementos sobre parcerías na xestión cultural, a contratación pública, a accesibilidade ou a participación da sociedade na cultura
O Eixo Atlántico celebrou o pasado venres en Santa Maria da Feira o primeiro seminario de intercambio de experiencias no ámbito da cultura, un foro para que os representantes municipais poñan en común os seus coñecementos en aspectos concretos sobre a xestión nesta materia.
O Eixo organiza todos os anos seminarios en distintas cidades sobre aspectos concretos do eido do deporte, da sostibilidade, da educación ou do turismo, materias ás que agora se suma a cultura.
A xornada contou coa participación de Sergio Lago e Marcos Lorenzo, colaboradores do Concello de Santiago, que presentaron o Observatorio Municipal de Cultura e Mesa de Cooperación Cultural.
Os aspectos legais tamén foron tratados grazas ás achegas de Miguel Guimarães, xurista da Câmara de Braga, quen falou sobre o encadramento na contratación pública dos artistas e espectáculos; e de Carmen López, quen detallou a Lei de Espectáculos de Galicia desde a perspectiva dos concellos.
O concello do Porto tamén quixo participar neste primeiro seminario, cunha ponencia sobre xestión pública dos recursos culturais, que correu a cargo de Maria Sofia Alves, directora do Departamento Municipal de Xestión Cultural do Municipio.
Santa Maria da Feira foi representada a través do director da Empresa Municipal Feira Viva, quen explicou a experiencia municipal na promoción da Contratación de Recursos Locais.
O seminario finalizou, xa en sesión de tarde, cun obradoiro sobre a comunicación e a accesibilidade na cultura, no que a actriz e creadora do proxecto AUDIODESCRIÇÃO.PT, Anaísa Raquel puxo enriba da mesa a importancia da audio- descrición para unha cultura máis inclusiva e accesible. Pola súa parte, Magda Henriques, responsable do programa pedagóxico Derivas Artísticas, da Asociación Circular (Vila do Conde), impartiu un obradoiro coa arte como forma de coñecemento e lugar de encontro da sociedade como fío condutor.
PRESENTACIÓNS:
GALERIA DE FOTOS: