DESCRICIÓN
O proxecto, cuxa primeira edición se celebrou en 2009, xurdiu coa idea de potenciar a cultura común que sempre uniu as dúas rexións, promovendo as artes, os artistas e o turismo cultural da Eurorrexión en todas as súas expresións, e contando coa presenza cultural dos países historicamente vencellados a Galicia e a Portugal.
Cada dous anos, un dos municipios membros do Eixo Atlántico ostenta durante un ano o selo de Capital da Cultura do Eixo Atlántico, ofrecendo unha programación que abrangue un amplo abano de manifestacións culturais, non só artísticas, senón tamén etnográficas, especialmente na súa vertente gastronómica.
Sempre coa vontade de garantir a presenza equilibrada das distintas disciplinas artísticas ao longo de toda a programación, as propostas inclúen literatura, teatro e artes escénicas, pintura, música, entre moitas outras, como a cultura urbana, especialmente a creada por e para a mocidade.