Skip to main content

O Eixo presenta en Bruxelas a primeira axenda urbana transfronteiriza de Europa

O Eixo presenta en Bruxelas a primeira axenda urbana transfronteiriza de Europa

A Axenda Urbana do Eixo Atlántico foi a protagonista durante a xornada deste mércores en Bruxelas, no contexto da Semana Europea das Rexións e Cidades.

O Eixo Atlántico presentou esta mañá en Bruxelas a primeira Axenda Urbana transfronteiriza da Unión Europea, no contexto da Semana Europea das Rexións e Cidades.

Os responsables do Eixo Atlántico destacaron o carácter transversal do documento, xa que toca practicamente todas as cuestións estratéxicas da política urbana e o seu elevado proceso de participación, ao integrar as achegas dos concellos de Galicia e o Norte de Portugal, así como dos cidadáns, a través do proceso de consulta pública realizado.

Tras a súa presentación no congreso celebrado na Coruña o 15 de marzo, a Axenda Urbana do Eixo Atlántico avanza xa na execución do seu Plan de Acción, que supón a posta en marcha efectiva das súas recomendacións para os concellos a ambos os dous lados da fronteira. Esta execución alíñase perfectamente cos cos obxectivos da Axenda 2030 de Nacións Unidas, o que significa que as cidades que apliquen o Plan de Acción estarán tamén aplicando as directrices dos 17 obxectivos da Axenda 2030 das Nacións Unidas.

Durante a súa intervención, Alfredo García, presidente do Eixo, puxo de relevo a realidade urbana nos territorios despoboados de baixa densidade demográfica como é o caso do interior de Galicia e Portugal, onde os núcleos urbanos que dan servizo a toda unha comarca non poden acceder aos fondos europeos para o desenvolvemento urbano, como as EDUSI en España, por estar dirixidas a poboacións con máis de 20.000 habitantes, debendo contabilizarse estes no núcleo urbano, non na comarca. Neste contexto, o alcalde do Barco de Valdeorras e presidente tamén da Federación Galega de Municipios e Provincias, expuxo a necesidade de deseñar unha política urbana que sexa o suficientemente flexible como para adaptarse á realidade de todos os países e rexións, sendo capaz así de responder os retos de todo tipo de áreas urbanas.

Pola súa banda, o secretario xeral do Eixo, Xoán Vázquez Mao, lembrou que dous terzos da poboación europea vive en cidades e que esta porcentaxe se elevará nos próximos anos. “Se a isto unimos que o 37% da poboación europea vive en rexións fronteirizas, é fácil ver a importancia de ter unha axenda urbana transfronteiriza”, indicou.

O acto desenvolveuseno Square Conference Centre, e contou coa presenza da subdirectora xeral de Urbanismo do Ministerio de Fomento de España, Ángela de la Cruz, quen explicou quen informou sobre o proceso de elaboración da axenda urbana española e definiu este documento como unha guía para lograr a sustentabilidade dos modelos urbanos. Tamén Laura Hagemann, membro da Unidade Urbana da Comisión Europea, falou da política urbana, a axenda urbana europea e o seu encuadramento no próximo período de financiamento comunitario. O seminario, ademais, contou coa participación de José Palma Andrés, ex-director de Cooperación territorial da Comisión Europea, uns dos principais redactores do documento do Eixo Atlántico. 

A Axenda Urbana é unha das máximas prioridades da Comisión Europea e, como tal, guiará o desenvolvemento das políticas comunitarias nos próximos anos. De aí a importancia desta presentación e de destacar a experiencia acumulada no Eixo Atlántico e poñela ao servizo doutras fronteiras europeas.

A axenda urbana e o seu plan de acción

O Eixo Atlántico elaborou unha Axenda Urbana para o Sistema Urbano da Eurorrexión, a primeira transfronteiriza da UE. Esta enfócase como unha estratexia de desenvolvemento urbano coordinado para todas as cidades da Eurorrexión, de maneira que avancen todas -aínda que cada unha ao seu ritmo e segundo as súas prioridades - cara a unha mesma dirección, xerando sinerxías e complementariedades que permitan o desenvolvemento do territorio Galicia-Norte como un todo.

A Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal configúrase como a máis dinámica e estable dentro de Europa, un dinamismo que sen dúbida contribuíu ao seu fortalecemento pero tamén xerou unha serie de dificultades para o desenvolvemento desta eurorrexión, que constitúe a terceira área urbana da Península Ibérica.

Esta puxante área atópase con problemas de mobilidade, como é o déficit na rede ferroviaria e a coordinación entre portos e aeroportos ou dificultades no ámbito da política industrial.

O plan de acción da Axenda Urbana inclúe os instrumentos para conseguir os obxectivos acordados. Achega claves ás autoridades públicas e a sociedade civil, sen ser imperativo en ningún caso. Pero necesita a implicación activa de todos os actores no seu desenvolvemento e posta en marcha. O seu horizonte espacial vai ser o conxunto da Eurorrexión e, moi especialmente, o seu sistema urbano. Pretende ser un instrumento orientador de políticas públicas.

O plan de acción articúlase en torno o catro prioridades estratéxicas: a cidade do futuro; desenvolvemento e emprego: a Eurorrexión do coñecemento; cohesión territorial e reto demográfico; e espazo eurorrexional, que á súa vez teñen a súa aplicación práctica a través de distintos proxectos piloto que xa están a comezar o seu desenvolvemento.

 

pdfPRESENTACIÓN ALFREDO GARCÍA

pdfPRESENTACIÓN ÁNGELA DE LA CRUZ

pdfPRESENTACIÓN LAURA HAGEMANN

pdfPRESENTACIÓN XOÁN V. MAO

GALERÍA DE FOTOS