Ata o 30 de setembro de 2018 todos os interesados poderán achegar a súa opinión sobre o plan de acción para a implantación da Axenda Urbana do Eixo Atlántico
A axenda urbana da Unión Europea é un novo método de traballo que busca maximizar o potencial de crecemento das cidades e, a través delas, abordar os retos da sociedade.
No espírito de manter o noso sistema urbano á vangarda do desenvolvemento da UE, o Eixo traballa nunha Axenda Urbana para o sistema urbano da Eurorrexión, a primeira transfronteiriza da UE. Centrada nunha estratexia coordinada de desenvolvemento urbano para todas as cidades do Eixo, para que todas avancen, aínda que cada unha ao seu propio ritmo e de acordo ás súas prioridades, xerando sinerxías e complementariedades que permitan o desenvolvemento do territorio Galicia – Norte de Portugal coma un todo.
Para asegurar que o Plan responde ás necesidades reais e expectativas do territorio, ábrese esta consulta pública, á que todo aquel organismo/institución/persoa individual está chamado a participar. Así, no documento que acompaña a esta convocatoria ofrécese información sobre a estrutura do Plan de Acción, así como das medidas que se contemplaron nun inicio no mesmo e ábrense catro preguntas para a consideración dos participantes:
- Construír a cidade do futuro pasa por pensar un modelo de cidade integral e transversal. Un modelo particular de cada cidade, pero que debe compartir principios comúns ao resto de membros do sistema urbano do Eixo Atlántico. Todos temos unha idea do que debe ser a cidade do futuro.
Neste sentido, que políticas, medidas ou intervencións lle gustaría ver traballadas na súa cidade?
- O crecemento intelixente, sostible e inclusivo ten que basearse, de maneira necesaria, na valorización da economía local. Crecer a partires dos recursos naturais endóxenos e da súa explotación sostible require dunha aposta decidida pola economía circular e polas posibilidades de emprego que pode xerar.
Que medidas deben de ser aplicadas para o desenvolvemento da súa cidade?
- Aumentar a poboación e aumentar a poboación nova son hoxe os dous desafíos principais que ten toda a Eurorrexión. Ademais tamén precisamos atraer e reter talentos.
Que medidas de política demográfica activas e de inclusión social considera que son necesarias na súa cidade?
- A Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal debe intervir como actor colectivo integrado por seis millóns de cidadáns e cidadás na defensa dos seus intereses e no beneficio do territorio e das xentes que o habitan. Deste xeito, será posible conseguir unha masa crítica suficientemente ampla para convertela nun actor con capacidade de influencia na toma de decisións.
Cales son, para vostede, os temas nos que a Eurorrexión debe intervir e afirmarse como un actor respectado e oído?
Ata o 30 de setembro, todos os interesados poden facer chegar as súas contribucións e respostas ás preguntas formuladas enviándoas por email a: Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. indicando no asunto: “consulta axenda urbana”.