Vila Nova de Famalicão acolleu o VIII Seminario de Intercambio de Experiencias no Ámbito do Desporto, centrado no deporte adaptado
O encontro, promovido polo Eixo Atlántico en colaboración co Concello de Vila Nova de Famalicão, reuniu representantes de municipios e entidades de Galicia e do norte de Portugal para compartir experiencias e boas prácticas sobre inclusión e deporte adaptado
O Concello de Vila Nova de Famalicão acolleu o pasado 17 de novembro o VIII Seminario de Intercambio de Experiencias no Ámbito do Desporto, unha iniciativa promovida polo Eixo Atlántico en colaboración co municipio portugués e que nesta edición estivo dedicada ao deporte adaptado. 
A xornada, celebrada na Casa das Artes de Vila Nova de Famalicão, reuniu representantes institucionais, responsables deportivos e profesionais de entidades de Galicia e do norte de Portugal co obxectivo de favorecer o intercambio de coñecementos, experiencias e boas prácticas arredor dos retos e oportunidades que presenta a promoción do deporte inclusivo.
O programa comezou cunha mesa redonda sobre os desafíos da promoción e implementación do deporte adaptado, moderada por Pedro Oliveira, concelleiro de Deportes do Concello de Vila Nova de Famalicão. Na sesión participaron Ricardo Sá, do Instituto Portugués do Deporte e da Xuventude (IPDJ); Domi Salinas, da Federación Galega de Deporte Adaptado; e António Pereira, da ANDDI Portugal – Asociación Nacional de Deporte para o Desenvolvemento Intelectual.
Durante a sesión analizáronse cuestións relacionadas co acceso á práctica deportiva, a eliminación de barreiras, a adaptación das instalacións e actividades e a necesidade de reforzar a colaboración entre administracións, entidades deportivas e asociacións para avanzar cara a un modelo deportivo máis inclusivo.
Os municipios compartiron experiencias e boas prácticas
A programación da tarde centrouse na presentación de experiencias municipais en materia de deporte adaptado, coa participación dos concellos de Barcelos, Braga, Valongo, Vilagarcía de Arousa e Vila Nova de Famalicão.
As intervencións permitiron coñecer diferentes proxectos e iniciativas orientados a facilitar a participación das persoas con discapacidade na actividade física e deportiva. Entre as experiencias presentadas abordáronse modalidades como a boccia, a implicación dos clubs deportivos e o desenvolvemento de programas con proxección cara ao deporte paralímpico.
Este intercambio permitiu poñer en común distintas formas de traballo e identificar oportunidades de colaboración entre os municipios galegos e portugueses, reforzando a importancia das políticas locais para garantir o acceso universal ao deporte.
Visita técnica ás instalacións deportivas
O seminario completouse cunha visita técnica ao Pavillón Municipal de Vale de São Cosme, unha instalación na que se desenvolven actividades de deporte adaptado promovidas polo Concello de Vila Nova de Famalicão.
A visita permitiu aos asistentes coñecer de primeira man os recursos e as iniciativas que se están a desenvolver no municipio para favorecer a práctica deportiva inclusiva.
O deporte como ferramenta de inclusión e igualdade
O VIII Seminario de Intercambio de Experiencias no Ámbito do Desporto enmárcase na liña de traballo do Eixo Atlántico para impulsar a cooperación entre os municipios de Galicia e do norte de Portugal e promover o deporte como ferramenta de integración, convivencia e cohesión social.
A celebración deste encontro permitiu avanzar na identificación de retos compartidos e na difusión de experiencias que contribúen a construír un modelo deportivo máis accesible, no que todas as persoas poidan participar en condicións de igualdade.
A iniciativa contou coa certificación do Instituto Portugués do Deporte e da Xuventude (IPDJ), con atribución de 0,9 unidades de crédito para adestradores deportivos, técnicos de exercicio físico e directores técnicos.