A próxima semana o presidente da Xunta vaise reunir co presidente do Goberno, Pedro Sánchez
Dado o interese que Núñez Feijoo demostrou pola conexión Vigo- Porto na súa recente viaxe a Portugal, desde a secretaría xeral do Eixo Atlántico queremos lembrarlle ao presidente, a través dos medios de comunicación, que o día 30 de xaneiro de 2017 remitíuselle a carta que se xunta, na que se lle pedía, entre outras medidas, que negociase co goberno central a continuación do saída sur de Vigo que quedou paralizada ao chegar á estación de Urzaiz.
Esa saída sur suporá non só un aforro de tempo para evitar todo o rodeo que o tren dá polo actual acceso a Vigo desde Tui, senón que aforrará aos viaxeiros cara á Coruña o absurdo de ter que cruzar a cidade para cambiar de tren. A saída sur permitirá, así mesmo, o acceso dos trens Alvia español ou Alfa pendular portugués grazas á nova electrificación necesaria e, por último, solucionará o problema histórico do Porriño, reconvertendo a actual liña nunha de tranvía ou metro- tren menos agresiva, que permita conectar Vigo cunha parte da súa área metropolitana onde se sitúan os principais polígonos empresariais. Isto retiraría tráfico da autovía A-55, unha vez que o tantas veces anunciado túnel de Tameiga nunca pasou de ser unha promesa electoral e iso a pesar de que se anunciou en 2001 que o proxecto estaría redactado ese mesmo ano, a obra comezaría en 2002 e estaría finalizada no 2003. Posteriormente, en 2015 a ministra Ana Pastor anunciou publicamente a tramitación dun proxecto para un trazado alternativo que incluía o citado túnel.
Con esta carta tamén se lle remitiu ao presidente da Xunta o informe que o Eixo Atlántico encargou ao profesor Rodríguez Bugarín e que tamén se adxunta a este comunicado.
Carta, por certo, da que nunca tivemos resposta, polo que ao non ver representada a defensa dos intereses de Galicia nesta materia na relación institucional entre o presidente da Xunta e o ministro de Fomento, optamos por xestionar nós directamente estes aspectos, tanto co anterior secretario de estado Julio Gómez Pomar, como coa entón directora xeral e actual presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera, no referente á parte española, e con comisarios e altos responsables comunitarios na parte europea, como é publicamente coñecido.
Na actualidade estamos pendentes de reunirnos cos novos responsables de Fomento, pero xa que a reunión institucional do presidente da Xunta co presidente do Goberno é inminente, queremos reiterarlle ao responsable do Goberno galego a nosa solicitude de xaneiro do 2017 para que poña sobre a mesa do presidente Pedro Sánchez o inicio inmediato das obras da saída sur de Vigo.