Skip to main content

O Eixo Atlántico presenta á AECID o informe “Fundamentos para unha diplomacia local”

O Eixo Atlántico presenta á AECID o informe “Fundamentos para unha diplomacia local”

Descargue aquí o documento

O Eixo Atlántico presentoulle hoxe ao Director da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), Antón Leis García, o informe “Fundamentos para unha diplomacia local no marco do Eixo Atlántico”, un documento estratéxico que aborda o papel das entidades locais e rexionais nun contexto internacional marcado pola globalización, as crises globais e os novos desafíos xeopolíticos. fundamentos esp

O informe, elaborado por José Luis Méndez Romeu e Paulo Ramalho, sostén que as cidades e rexións deben participar no ámbito internacional se queren acceder a oportunidades de cooperación, desenvolvemento e influencia nun contexto interconectado.

Ante as consecuencias da pandemia da COVID-19 e da guerra en Ucraína, que alteraron as prioridades políticas, económicas e sociais, o informe propón que os gobernos locais necesitan establecer unha diplomacia local como estratexia política, baseada en principios como os dereitos humanos, a democracia e a cooperación descentralizada como instrumento entre territorios.

O documento analiza distintos feitos que marcaron o inicio do século XXI, os cambios nas alianzas internacionais, o aumento das tensións xeopolíticas, e o impacto da inflación e da inseguridade enerxética. A partir desta análise, o informe propón unha serie de medidas para que os municipios do Eixo Atlántico, e outras rexións, definan políticas internacionais con orientación estratéxica e efectos sobre a súa poboación.

O Eixo Atlántico promove un modelo de cooperación transfronteiriza centrado na coordinación entre administracións e na participación dos gobernos locais en asuntos internacionais. Este informe continúa esa liña, e presenta unha proposta de actuación baseada na análise da contorna actual e na traxectoria do organismo.