55 participantes traballaron en retos sociais e urbanos para crear un modelo colaborativo e innovador que guía futuras políticas no municipio. Descargue o documento
O Concello do Barco de Valdeorras, en colaboración co Eixo Atlántico, presentou o informe final do Laboratorio-Ecosistema de Innovación Transformadora 2025, un proceso colaborativo orientado a fortalecer a gobernanza e a innovación no municipio.
O laboratorio, desenvolvido en 2025, foi elaborado polo equipo de Deusto Cities Lab Katedra, liderado por Roberto San Salvador, seguindo a metodoloxía do Eixo Atlántico. Nel participaron 55 persoas, entre responsables municipais, persoal técnico, asociacións e cidadanía, traballando na identificación de retos estratéxicos vinculados á cohesión social e territorial, con especial atención á mocidade e á calidade de vida.
A experiencia baséase na Axenda Urbana e no Mapa de Cohesión do Eixo Atlántico, promovendo un ecosistema de innovación transformadora que fomenta a colaboración entre institucións, empresas, entidades sociais e veciñanza. Os ámbitos prioritarios inclúen mobilidade, emprego, acceso aos servizos básicos, urbanismo sostible e creación de oportunidades para a mocidade.
Entre os principais resultados destaca a creación da iniciativa Obradoiro, unha folla de ruta que organiza mesas de traballo, define obxectivos compartidos e distribúe tarefas para impulsar un modelo de gobernanza máis participativo e innovador. O informe servirá como ferramenta estratéxica para orientar futuras políticas e proxectos no municipio.