Montenegro reafirma o obxectivo de 2032 para a alta velocidade Vigo-Porto e confirma o avanzado hai vinte días polo secretario xeral do Eixo Atlántico
O estudo no que o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, baseou as súas afirmacións sobre un retraso da conexión ferroviaria ata 2038 segue sen facerse público
O primeiro ministro de Portugal, Luís Montenegro, reiterou que o obxectivo do Goberno luso é que a conexión ferroviaria de alta velocidade entre Lisboa, Porto e Vigo estea completada en 2032, confirmando así o calendario que o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, defendera publicamente hai vinte días.
Montenegro volveu situar ese horizonte temporal durante un acto en Porto, lembrando que, pese á “flexibilidade habitual” que requiren os proxectos desta magnitude, o Executivo mantén como obxectivo a finalización da liña Lisboa-Porto-Vigo en 2032.
As súas declaracións reforzan a posición expresada o pasado 25 de febreiro polo secretario xeral do Eixo Atlántico, quen pediu que se fixese público o estudo no que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, baseou as súas afirmacións sobre un posible retraso da conexión ata 2038. Naquel comunicado, o Eixo Atlántico cualificou esa data de “descabellada” e asegurou que non coincidía cos datos que manexa a entidade, que leva anos seguindo o proxecto en coordinación co Ministerio de Transportes de España e coas autoridades portuguesas. Segundo as súas cifras, os únicos desfases vincúlanse ao Estudo Informativo Previo da saída sur de Vigo e á remodelación do trazado en Vila Nova de Gaia, cun retraso estimado de arredor de dous anos. Hai vinte días, o estudo citado pola Xunta segue sen facerse público.
A liña de alta velocidade entre Vigo e Porto forma parte do eixo ferroviario que conectará Galicia con Lisboa, unha infraestrutura considerada estratéxica para a mobilidade e a integración económica do noroeste ibérico. Mentres algúns tramos entre Lisboa e Porto xa iniciaron a súa fase de adxudicación, o tramo cara á fronteira galega permanece en fase de planificación.