Skip to main content

O secretario xeral do Eixo Atlántico solicita que se faga público o informe sobre a liña Porto - Vigo ante as datas manifestadas polo presidente da Xunta

O secretario xeral do Eixo Atlántico solicita que se faga público o informe sobre a liña Porto - Vigo ante as datas manifestadas polo presidente da Xunta

Xoán Mao indica que a data de 2038 é descabellada e non coincide cos datos en poder do Eixo Atlántico

O Eixo Atlántico solicita con urxencia ao presidente da Xunta de Galicia que faga público o estudo no que se basea para afirmar que a liña ferroviaria Porto‑Vigo se atrasará até 2038. Segundo o Eixo Atlántico, estes datos non coinciden en absoluto cos da entidade e constitúen unha afirmación que, de non ser certa sería “perigosa e irresponsable”.

Para Xoán Mao: “é inaceptable que o presidente da Xunta lance á prensa datas alarmistas sen facer público ningún estudo que as avale. Queremos coñecer os datos reais, porque pode xerar desánimo e confusión entre a cidadanía”.

O secretario xeral do Eixo Atlántico lembra que foi a propia entidade quen propuxo a conexión Lisboa-Ferrol na Asemblea Xeral de Maia, no ano 2018, e que leva anos monitorizando o proxecto en coordinación co Ministerio de Transportes de España e con Infraestruturas de Portugal. Segundo os datos do Eixo Atlántico, o único desfase real está vinculado ao Estudo Informativo Previo da Saída Sur de Vigo e á reedificación do trazado da estación de Vila Nova de Gaia, cun atraso estimado en torno a dous anos, moi lonxe dos 12 anos que indica a Xunta. Neste sentido, Mao considera importante sinalar que o ministro de Transportes de España tampouco fixo público os motivos polos que se atrasaba un ano o Estudo Informativo Previo da Saída Sur de Vigo, o que “coloca a Óscar Puente e a Alfonso Rueda no mesmo perfil de ausencia de explicación claras”.

Xoán Mao engade: “Rueda leva só dous anos defendendo esta liña como presidente da Xunta, e só a nivel verbal, utilizándoa como arma de confrontación política co Goberno de España. Curiosamente, non fixo absolutamente nada cando era vicepresidente con Feijóo. Mentres tanto, o Eixo Atlántico leva anos traballando de forma coordinada e seria, contrastando cada fase do proxecto”. “A recente visita de Rueda a Porto, criticando ao Goberno español, é lamentable Un portugués xamais criticaría ao seu propio Goberno nunha visita oficial España”, engadiu.

O secretario xeral solicita que o estudo sexa público inmediatamente, sexa presentado no Parlamento de Galicia e compartido con todos os representantes do pobo galego. Mao advirte: “E se o estudo resulta ser falso ou infundado, deberían aplicarse os mesmos criterios de dimisión que a Xunta esixe aos ministros do Goberno central”.

Finalmente, Xoán Mao lembra que os representantes máis próximos á cidadanía son os alcaldes e alcaldesas, e que calquera atraso relevante debería comunicarse previamente ao Parlamento de Galicia e á FEGAMP, e non difundirse aos medios sen que os responsables municipais teñan acceso aos datos reais.

“Rueda debería enredar menos e traballar máis. Fala moito dos atrasos no tren Ferrol-Lisboa (a Xunta só menciona Porto-Vigo, xa que o resto parece non interesarlle), mentres Galicia segue sen contar cun plan de cercanías ferroviarias, como teñen Euskadi ou Cataluña, ou sen mellorar a estrada entre O Barco de Valdeorras e A Gudiña, que dá acceso ao tren de alta velocidade e tamén é competencia autonómica, precisando intervencións urxentes que a Xunta nin sequera ten previstas.”

“A Alfonso Rueda pódeselle aplicar o refrán “Consellos vendo, que para min non teño”’, concluíu o secretario xeral do Eixo Atlántico.