Skip to main content

Gosia Trebacz preside o xurado da XV Bienal de Pintura do Eixo Atlántico

Gosia Trebacz preside o xurado da XV Bienal de Pintura do Eixo Atlántico

A exposición inaugural celebrarase o 27 de novembro en Viana do Castelo, xornada na que se darán a coñecer os gañadores dos premios da Bienal

A artista multidisciplinar Gosia Trebacz (Cracovia, 1971) é a presidenta do xurado da XV Bienal de Pintura do Eixo Atlántico, un dos certames culturais máis destacados de Galicia e do Norte de Portugal. 

Con máis de 30 anos de traxectoria en Galicia, Trebacz consolidou unha carreira internacional que abarca a pintura, a fotografía, o videoarte e o deseño gráfico. A súa obra, caracterizada pola experimentación constante e a procura de novas linguaxes plásticas, foi exposta en numerosas galerías e espazos culturais de Galicia, Madrid e Polonia.

Ademais da súa faceta artística, Trebacz impulsou proxectos colectivos como o obradoiro de arte STO LAT e a plataforma STOLATART, concibidos como espazos de creación colaborativa e laboratorios de ideas. A elección de Trebacz como presidenta do xurado reforza a aposta do Eixo Atlántico pola innovación, a diversidade e o diálogo cultural, ao tempo que recoñece o seu compromiso coa ensinanza e a difusión artística.

Sobre o papel da Bienal do Eixo Atlántico, Trebacz subliña que esta “é un trampolín para que artistas emerxentes e consolidados amosen as súas obras na nosa preciosa ‘esquina’ atlántica. Fomenta a creatividade, o intercambio de ideas e o diálogo” entre Galicia e o norte de Portugal.

Respecto ao nivel artístico desta XV edición, a presidenta do xurado destaca que “atopámonos cun nivel alto, e a elección dos finalistas foi tan difícil como emocionante. Cada participante amosou na súa proposta toda a súa paixón e sensibilidade artística”, reflectindo a calidade e diversidade da creación contemporánea na Eurorrexión.

Lea aquí a entrevista completa a Gosia Trebacz.

A XV Bienal de Pintura do Eixo Atlántico

Creada en 1997, a Bienal consolidouse como un referente cultural, co obxectivo de impulsar a creación artística e fomentar a cooperación cultural entre Galicia e o Norte de Portugal.

Nesta XV edición, a Bienal de Pintura do Eixo Atlántico conta coas colaboracións da Xunta de Galicia, da Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte, I.P., e do Instituto Português do Desporto e Juventude, I.P.

A XV Bienal de Pintura inaugurarase o 27 de novembro en Viana do Castelo, no marco da Capital da Cultura do Eixo Atlántico, e poderá visitarse até finais de xaneiro no Museu de Artes Decorativas. Durante 2026, unha exposición itinerante percorrerá distintos municipios da Eurorrexión: Gondomar, Peso da Régua, Ribeira, Vilalba, Vila Real, Bragança, Monforte de Lemos, Barcelos, Felgueiras e Carballo, mostrando as 29 obras seleccionadas polo xurado.

Premios da XV Bienal de Pintura

As obras vencedoras, que se darán a coñecer na xornada inaugural, recibirán os seguintes galardóns:

  • Primeiro Premio: 4.000 €
  • Segundo Premio: 2.000 €
  • Premio Xóvenes Talentos Luso-Galaicos: 1.500 €