Skip to main content

"A diplomacia das cidades"

"A diplomacia das cidades"

Artigo de Méndez Romeu, autor do informe deoEixo Atlántico "Fundamentos para unha diplomacia local" e ex secretario de Estado de Cooperación Territorial

Os organismos internacionais e os ensaístas definen o século XXI como o século das cidades, logo do auxe dos Estados nacionais durante o século XX e do énfase na política rexional impulsada pola Unión Europea. A acelerada concentración demográfica nas urbes, a terciarización da economía e a concentración de riqueza, emprego e oportunidades vitais están a transformar as cidades no ecosistema máis característico do noso tempo. Son os lugares onde se xera e acumula coñecemento, innovación e consumo, onde xorden as tendencias artísticas e estilísticas, a moda, a música ou as novas ocupaportada informecións.

Falamos constantemente de tribos urbanas, do urban style, da mobilidade, do novo urbanismo, etc., como trazos inherentes á cidade, tanto máis acentuados canto maior sexa o seu tamaño. Tamén da adaptación á demanda crecente de vivenda, ao cambio climático, á descarbonización ou á protección do medio ambiente para facer fronte ás consecuencias negativas da aglomeración. Por outra parte, o fenómeno urbano supera os límites do municipio tradicional, de maneira que a actividade económica, a vivenda, os servizos ou a mobilidade xa non se poden planificar só no marco administrativo tradicional.

Para responder aos retos do fenómeno urbano, as empresas e as institucións públicas desenvolveron novas estratexias de posicionamento, imaxe de marca, competitividade e proximidade ao cliente ou usuario. Entre elas, a relación cos seus homólogos, con outras empresas ou entidades doutras cidades que comparten problemas idénticos. Mediante irmandamentos, alianzas en redes temáticas ou xeralistas, intercambio de información e experiencias, actuacións de lobby ante outras instancias como o Goberno central ou a Unión Europea ou desenvolvemento de proxectos comúns. Un conxunto de actividades ás que denominamos diplomacia local ou paradiplomacia.

A diferenza da controversia que rodeou a actuación exterior das Comunidades Autónomas españolas e dos gobernos rexionais noutros países, a diplomacia local non é conflitiva. Lonxe de supoñer un cuestionamento das atribucións do Estado e do Goberno central, ocupa un nicho de actividade que non colisiona coas políticas xerais dun Estado. O seu obxectivo non é asinar tratados nin outros instrumentos de eficacia normativa, senón xerar respostas e solucións a problemas comúns. A diplomacia local non precisa estruturas complexas nin xera unha burocracia profesional. É claramente executiva e pragmática, orientada á cidadanía e non ao discurso político ou á acumulación de poder.

As institucións supraestatais como as Nacións Unidas ou a Unión Europea teñen favorecido a diplomacia local. A Axenda 2030, os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, a Nova Axenda Urbana ou o Pacto Verde son algunhas das directrices internacionais que alentan tanto as políticas estatais actuais como as políticas locais. Na súa definición, as cidades estiveron presentes.

Na actualidade, moitas cidades manteñen relacións directas entre si, acoden a distintos foros promovidos desde Bruxelas ou están aliadas en redes que atenden aspectos tan diversos como o clima, a política social, a cultura, a axuda ao desenvolvemento, a saúde, a inmigración, etc., xa sexan redes nacionais, europeas ou mundiais. É unha tendencia en expansión como consecuencia da ambición dos obxectivos propostos.

En Galicia e no Norte de Portugal, máis de corenta cidades agrupáronse no Eixo Atlántico para abordar os problemas específicos da Eurorrexión desde unha perspectiva local, desenvolvendo diversas actuacións dentro e fóra do territorio ou participando nos programas comunitarios. É un dos mellores exemplos europeos de cooperación transfronteiriza.

A diplomacia local das metrópoles está moi desenvolvida. As cidades de tamaño medio ou menor, para ter éxito, deben actuar no marco das estratexias xerais dos seus Estados e dos organismos internacionais, poñendo en valor as súas propias capacidades, difundindo as boas prácticas, promovendo o seu territorio. A diplomacia local non se limita ás xestións dos gobernantes locais. Pola súa propia natureza poden e deben participar coordinadamente outros actores que perseguen fins similares, como empresas, universidades, axentes culturais e deportivos ou líderes de distintos sectores. Os beneficios para a cidade serán diversos: facilitar a captación de investimentos, crear unha marca-cidade susceptible de ser aplicada en distintos ámbitos como o turismo ou os eventos, etc. É dicir, posicionarse no mundo.

José Luís Méndez Romeu