O modelo de mobilidade e o modelo de desenvolvemento urbano están intimamente relacionados. As estradas e restantes vías de alta capacidade foron definindo unha rede que estruturaba o territorio e que se asentaba sobre un obxectivo: a máxima accesibilidade en vehículo privado e, cando existía unha masa crítica suficiente, tamén en transporte público. A dispersión do territorio que esta rede produce é un factor que está na base da insostenibilidade do modelo de desenvolvemento actual. Non nos referimos aos núcleos históricos illados, que estaban unidos á matriz biofísica desempeñando un papel primordial na súa manutención. Referímonos á proliferación de "urbanizacións" e vivendas illadas que se constrúen en pouco tempo e que presentan unha estrutura que se afasta do que podemos entender como "cidade”.