Novos retos tras 60 anos de avances

Artigo de opinión de Pedro Puy, voceiro do Grupo Parlamentario Popular e profesor universitario, sobre o futuro da Unión Europea
Na súa visita a Compostela en xuño do 2013, ao pé da Catedral, e moi probablemente impresionado pola beleza da Praza do Obradoiro, o Presidente da República Oriental del Uruguai, José Mújica, eloxiou á Unión Europea, a “primera integración que no se ha hecho con bota militar”, e polo tanto exemplar para un Mercosur que a duras penas avanza na dinámica integradora.
E é que a Unión Europea, lenta, pero segura, ten cumprido sobradamente a súa principal razón de ser: crear un espazo de paz e cooperación entre os estados que forman parte dun continente que foi asolagado por dúas grandes guerras en apenas 30 anos. Unha extraordinaria construción institucional cuxo éxito descansa sobre a lóxica dos intereses económicos, posta ao servizo da consecución dos principios que constitúen a súa razón de ser: a democracia; o humanismo; o Estado de Dereito e o imperio da lei; o benestar e a equidade; a liberdade; e a paz e a seguridade.
Porque, do mesmo xeito que a posta en marcha dunha unión aduaneira e de aranceis comúns provocou a necesidade de construír un mercado único no que circulasen libremente persoas, bens e capitais; e do mesmo xeito que este mercado común xerou a necesidade de instaurar unha moeda única e un emisor común; o futuro da Unión e o seu éxito na promoción dos valores democráticos que comparten os países membros virá marcado pola súa capacidade para impulsar as reformas que require a actual área monetaria do euro, nun contexto histórico marcado pola crecente globalización; e a aparición de grandes áreas económicas (China, o propio Mercosur ou Norteamérica).
Unhas reformas que a crise, primeiro financeira e logo económica, da última década evidenciou que son imprescindibles, alomenos, en tres ámbitos: no monetario; no orzamentario; e no político.
No ámbito monetario estanse a dar os primeiros pasos, encamiñados a reforzar un sistema de supervisión bancaria común pilotado polo Banco Central Europeo. A posta en marcha dun mecanismo de resolución (executado co Banco Popular, que tivo a dubidosa honra de ser a primeira entidade bancaria á que se lle aplicou; co conseguinte aforro de cartos públicos para garantir os depósitos), terá que complementarse cunha mellor capacidade de control das entidades financeiras que evite, como aconteceu na primeira década deste século, a aparición de novas burbullas á calor do creto barato adicado ao impulso de actividades pouco produtivas.
No ámbito orzamentario é no que as debilidades son maiores e a necesidade de avance máis intensa. Unha vez que o mercado único funciona e que a moeda común pon en evidencia as desigualdades de renda, os criterios de converxencia no déficit público deberían acompañarse da capacidade da Unión de abordar os impactos asimétricos da crise no conxunto dos territorios comunitarios.
En primeiro lugar, camiñando cara a mutualización europea da débeda e tendendo a utilizar como criterio de cumprimento dos obxectivos de déficit o déficit estrutural, e non o cíclico. E en segundo lugar impulsando a medio prazo un incremento dos ingresos impositivos da propia UE; incorporando algún criterio de progresividade que permita financiar políticas públicas europeas máis xustas e eficientes á hora de mellorar a redistribución da renda que resulta do funcionamento dun libre mercado de escala continental; no que algúns países, a maiores, como Alemaña, manteñen enormes superávits comerciais.
Finalmente, no ámbito político, hai que afrontar dúas cuestións adicionais. Unha primeira no ámbito institucional, máis evidente, relacionada coa necesidade de avanzar na democratización dun proceso de adopción de decisións públicas no que o protagonismo pivota en torno ao diálogo intergubernamental; e non ao debate parlamentario. E facelo ademais nun entorno de goberno multinivel; no que o principio de subsidiariedade debe respectarse fronte ao de centralización que provoca un distanciamento dos decisores respecto dos representados. O principio de subsidiariedade, particularmente en relación coa diversidade cultural, é crucial para facer compatible o proceso de integración política coa presenza de fortes elementos identitarios no conxunto de Europa.
A segunda, no ámbito das políticas públicas. O pleno emprego, e a participación do traballo nos beneficios do capital no conxunto da Unión, deben converterse en obxectivo prioritario da acción europea.
A suma dun incremento da lexitimación democrática nos procesos decisorios europeos, e a inclusión de obxectivos máis ambiciosos no terreo do emprego e da redistribución da renda, son pasos lóxicos para o funcionamento correcto dunha economía mixta de mercado. Pero sobre todo para a súa lexitimación social. O mellor antídoto contra os populismos nacionalistas que desde os extremos esquerdo e dereito do arco político continental están a traballar para facer descarrilar o primeiro e único gran intento da humanidade de culminar un proceso de integración política sen utilizar para elo a bota militar.