A Europa que queremos

Artigo de opinión de Xulio Ferreiro Baamonde, Alcalde da Coruña, sobre o futuro de Europa
O 1 de xaneiro de 2018 cumpriranse 60 anos da entrada en vigor do Tratado de Roma. Pode ser esta unha boa ocasión para facer balance e proxectar desexos de futuro no que respecta ao proxecto de construción europea, mais tamén para poñer de relevo as eivas deste proceso que ameazan con poñer en perigo a mesma idea de unidade europea, como sen dúbida vén de manifestarse recentemente co Brexit.
Os signatarios de 1957 comprometéronse a “establecer os fundamentos dunha unión sen cesar máis estreita entre os países europeos”, nun contexto onde as dúas guerras mundiais da primeira metade do século XX eran o pasado inmediato e a Guerra fría – e a división de Alemaña, e de Europa enteira – o presente. Non se pode obviar que o proceso de construción europea nestes anos ten acadado éxitos importantes, como a creación de certa conciencia europea, o mantemento da paz nas fronteiras internas da Unión, a liberdade de circulación e a moeda única, a harmonización lexislativa de certas materias que inflúen na libre circulación, ou a integración dos países do leste ás dinámicas continentais. Estes e outros éxitos non deben facernos esquecer a crise sistémica na que se sitúa a propia Unión dende o fracaso da denominada Constitución Europea, no nivel institucional, e pola progresiva perda de soporte popular en practicamente todos os estados que a compoñen, tal e como reflicten as sucesivas enquisas do Eurobarómetro[1].
Máis alá do valor que en si mesma pode ter a mera existencia dunha estrutura de integración a nivel continental, o certo é que é moi difícil ser optimista sobre cara onde camiña a Unión Europea e o seu valor como elemento de cohesión política e social en Europa. Dende 2006, o papel que as institucións europeas – particularmente o Banco Central Europeo – teñen adquirido na xestión da crise económica e dos seus efectos, actuando como instancias de coacción no artellamento de políticas monetaristas e neoliberais, así como de garantes do pago da débeda como obxectivo político-estratéxico fundamental, así como o abandono definitivo dos equilibrios territoriais fundacionais, substituídos por un liderado claro por parte de Alemaña e, en consecuencia, unha viraxe cara o leste, viñeron a poñer de manifesto que nas actuais circunstancias era moi difícil, por non dicir imposible, seguir considerando a Unión Europea, como garante da prosperidade e dos dereitos sociais, particularmente para as clases menos favorecidas, e especialmente nos países periféricos (non só do Sur de Europa).
No plano internacional, a Unión Europea non ten resultado o actor principal que estaba chamado a ser despois dos tratados de Maastrich e, particularmente, Amsterdam. Non existe unha actuación unívoca no plano internacional, nin nada que se poda considerar unha posición influínte, nin moito menos, un contrapoder aos EUA ou mesmo a China. Pola contra, a acción cara o exterior vense centrando nos últimos anos na cooperación entre os países membros na persecución do terrorismo e outros delitos de carácter internacional, cunha preocupante diminución das garantías procesuais clásicas e, en consecuencia, dos dereitos fundamentais; así como ao control exterior das fronteiras, política á que se dedica un cada vez máis importante conxunto de recursos, e que carece cada vez máis dunha visión minimamente progresista, por non dicir humanitaria. A isto hai que sumar os acordos con terceiros países nos que, baixo o enunciado de cooperación internacional, procuran a externalización das fronteiras na UE, a cambio de cuantiosas contrapartidas a investir non en desenvolvemento social e económico, senón principalmente, en actividade securitaria.
Recuperar o proceso de construción europea para dotar ao continente dunha acción solidaria no interior e relevante na constitución dun panorama global baseado no multilateralismo e na cooperación debe ser o empeño de todos aqueles que nos consideramos europeístas, pero non estamos atrapados por ningún fetichismo que nos comprometa coa actual estrutura político-institucional. Algunhas ideas que poderían guiar este proceso de recuperación, poderían ser os seguintes:
- Máis democracia na UE. Evidentemente este enunciado é xa un tópico, pero baixo o punto de vista que aquí se sostén non se relaciona unicamente con atribuír maiores ou menores competencias a unha ou outra institución europea, senón, en dotar de transparencia e claridade aos procesos de toma de decisións en na UE, habitualmente, demasiado opacos, dominados polos denominados comités, onde baixo criterios presuntamente técnicos, os diferentes lobbystas móvense como pez na auga, estando as principais discusións políticas, á marxe do escrutinio público e mesmo, diría eu, do control político, rectamente entendido. A isto non axuda, tampouco, a ausencia dun espazo informativo europeo, ou sequera dun mínimo rigor nas informacións que chegan de Bruxelas, Estrasburgo ou Frankfurt.
- Abandono do dogmatismo. Aínda que formalmente os gobernos presentes no Consello Europeo, os parlamentarios ou mesmo ata certo punto, os membros da Comisión, posúan certa diversidade ideolóxica, o certo é que, baixo o férreo control do BCE, a política económica que se traslada dende as institucións europeas, en consonancia co establecido nos tratados, ten unha liña ideolóxica definida, que se presenta como a única posíbel, o que se ten demostrado con especial virulencia nos casos portugués e, especialmente, grego, durante a xestión da crise económica, onde se deixou ben ás claras que a existencia de alternativas ás receitas económicas que se impulsaban dende a UE, co férreo liderado do goberno alemán, eran, simplemente, inviábel.
- Motor de cohesión social. Un dos retos para os próximos anos, fondamente vinculado co anterior, é o de poder converter a Europa nun territorio cohesionado socialmente, que garanta a todos os seus habitantes uns mínimos niveis de renda, ben sexa a través do traballo remunerado, ou doutros mecanismos, no caso de que o primeiro non o asegure. Para isto é preciso consensuar uns mecanismos básicos e universais de protección social a escala europea, o que debe ir tamén da man, da creación dun marco impositivo común, que evite o dumping fiscal, e controle o fluxo de capitais.
- Cambiar o rol internacional da UE. Tanto na relación cos seus veciños, para ser un actor que axude ao desenvolvemento internacional, e non un elemento máis na xestión inhumana e irracional das sucesivas crises migratorias; como no escenario global, adoptando posicionamentos comúns e converténdose nun actor relevante o cal non será posíbel lograr, mentres a nivel interno os equilibrios territoriais se entendan como funcionais ás estratexias nacionais de un ou dous países centrais.
Naturalmente, todo isto nun contexto onde o reparto de poder interno debe acomodarse cada vez máis ao principio de subsidiariedade, permitindo que as instancias políticas e administrativas máis achegadas ao cidadán podan ser as protagonistas na toma de decisión, e traballen en rede entre si, cooperando na consecuención de obxectivos comúns. Esta fórmula é a que veñen desenvolvendo dende hai 25 anos as cidades de Galiza e Norte de Portugal que pertencen ao Eixo Atlántico, con evidentes beneficios para os seus cidadáns e cidadáns, e para a construción europea á escala que importa, a da xente.
[1] http://www.europarl.europa.eu/news/es/headlines/priorities/20160824TST40022