Skip to main content

O Eixo Atlántico celebra os avances na liña de Alta Velocidade entre A Coruña e Lisboa

O secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, intervén na Radio Galega para falar da nova ponte ferroviaria sobre o Río Miño

Durante unha entrevista na Radio Galega, Vázquez destacou que o novo ponte de 4 quilómetros será o máis longo da Península Ibérica, e que a súa presentación marca un punto de inflexión no desenvolvemento do proxecto. “A infraestrutura divídese en tres partes e agora xa podemos dicir que están todas desbloqueadas, o que confirma que estamos avanzando na dirección correcta”, subliñou.

O secretario xeral insistiu na necesidade de seguir monitorizando os prazos, tanto dos estudos como da execución das obras, para garantir que o proxecto poida estar operativo entre 2030 e 2032, tal como foi previsto desde o inicio. “Non podemos permitirnos máis atrasos se queremos que a eurorrexión Galicia–Norte de Portugal estea conectada con estándares modernos e europeos”, apuntou.

Ademais, destacou o papel proactivo de Portugal, que “xa leva tempo desenvolvendo os traballos de enxeñaría ata Braga”. Segundo indicou, esta planificación permite confirmar que tamén o tramo Braga–fronteira está en marcha, polo que o lado portugués do proxecto avanza a bo ritmo.

Vázquez Mao aproveitou tamén para lembrar que, no lado galego, hai aínda tramos pendentes de impulso, como o Ferrol–A Coruña e A Coruña–Lugo, que sofren máis retrasos. “A nosa ambición é que a conexión moderna con Lisboa parta tamén de Ferrol, e non só de Vigo ou A Coruña”, engadiu.

Este avance, sinalou, é froito das múltiples xestións realizadas polo Eixo Atlántico nos últimos anos, defendendo ante os gobernos de ambos estados a necesidade dunha conexión ferroviaria moderna, sustentable e competitiva para o conxunto da eurorrexión.

Escoite a entrevista completa: