
"No que ten que ver coa conexión Porto-Vigo, en principio xa está aprobado no plano ferroviario, xa está na Asemblea da República, xa están facendo as enxeñerías en Infraestruturas de Portugal, e non debería de afectar"
Xoán Vázquez Mao, secretaio xeral do Eixo Atlántico, que cre na inocencia de Costa, sospeita, porén, que o primeiro ministro dimitiu coa vista posta en Europa. Confía en que a crise política no país veciño non afecte os proxectos con Galicia
A Fiscalía Portuguesa pediu este domingo prisión preventiva para o xefe de Gabinete de António Costa detido polos casos de presunta corrupción que levou ao líder socialista a dimitir como primeiro ministro.
Este sábado, pediulle desculpas á cidadanía nun discurso televisado e asegurou que a incautación de sobres con cartos no despacho do seu xefe de gabinete, unha persoa que elixiu para o seu equipo, avergónzao.
"Faino por dignidade, faino por cultura política, pero creo que tamén o fai para non pecharse a porta do posto para o que eu creo que, se todo sae como é de esperar, porque penso que Costa non está implicado, ten moitas posibilidades: ser o próximo presidente do Consello Europeo", di Xoán Vázquez Mao.
Xoán Vázquez Mao confía en que o terremoto político en Portugal non afecte os proxectos do país veciño con Galicia, como o tren de alta velocidade.
"No que ten que ver coa conexión Lisboa-O Porto, O Porto-Vigo, en principio xa está aprobado no plano ferroviario, xa está na Asemblea da República, xa están facendo as enxeñerías en Infraestruturas de Portugal, e non debería de afectar", explica.
O secretario xeral do Eixo Atlántico admite, con todo, que estarán atentos ante posibles dificultades ou atrasos na execución dos orzamentos.
Escoite aquí a entrevista completa: