Rexións da UE: reforzar a cooperación transfronteiriza e mellorar a mobilidade para impulsar as economías locais
No marco da celebración dos 25 anos de existencia de Interreg, o pasado día 2 de setembro os líderes das cidades e rexións de Europa reuníronse en Luxemburgo para pedir o reforzo da cooperación transfronteiriza e a mellora da mobilidade, sobre todo entre as rexións menos conectadas. Os membros do Comité das Rexións (CdR) pediron que a UE financie – a través dos fondos estruturais para o plan “Conectar Europa” e o Plan de Investimentos de 315 mil millóns de euros lanzado recentemente – a mellora das relación entre as rexións para impulsar a economía de Europa.
O debate levouse a cabo no marco da reunión que os membros do Comité das Rexións celebraron con motivo do aniversario dos 25 anos de INERREG e na que adoptaron unha Declaración que esixe simplificar o programa, tomar en consideración as zonas transfronteirizas en todas as políticas da UE e aumentar os investimentos.
O 37,5% da poboación da UE vive nas zonas fronteirizas, nun escenario caracterizado polo aumento da disparidade rexional e o crecente desafío da migración. Neste contexto, o presidente do Comité das Rexións – Markku Markkula pediu o reforzo da cooperación transfronteiriza pois “fomentar as sinerxías entre as cidades e rexións pode aumentar a innovación, os mercados abertos que xa están en marcha, promover o investimento e impulsar as economías locais. A cooperación transfronteiriza debe evolucionar como unha “oportunidade territorial” no canto de ser vista como un “hándicap xeopolítico”. Isto é o núcleo do proxecto da UE e da integración na UE polo que se precisa urxentemente un maior investimento.”
O presidente Markkula engadiu que a mellora da mobilidade transfreonteiriza é vital para a UE: “A crise migratoria de Europa non debería ser unha razón para restrinxir o movemento de persoas a través de fronteiras nin para o lento progreso no desenvolvemento de medios de transporte. No lugar da transformación da nosa liberdade de movemento – un dos maiores logros da UE – nun obxecto do nacionalismo e o populismo, debemos asegurar que sexa un activo para os nosos cidadáns, para a integración europea e o desenvolvemento económico".
Falando no nome da Presidencia luxemburguesa do Consello da UE, Camille Gira – Seretaria de Estado para o Desenvolvemento Sostible e Infraestruturas – propuxo que se desenvolvesen os instrumentos de apoio á cooperación transfronteiriza “porque as disposicións legais especificas pódense aplicar nas rexións fronteirizas coa vista á execución de proxectos ou estratexias que non poderían lograrse nos sistemas xurídicos dispares”
Pola súa parte, o representante do Parlamento Europeo, Michael Cramer, Presidente da Comisión de Transporte e Turismo do Parlamento Europeo, destacou a necesidade de investir nas liñas e pontes ferroviarias de curto alcance nas rexións transfronteirizas que foron destruídas durante e despois da Segunda Guerra Mundial. “A rede ferroviaria na UE é un mosaico con lagoas exactamente onde están as fronteiras, a pesares de que traballamos a favor dunha rede europea o longo de 30 anos. As fendas non existen debido á falta de diñeiro. Existen pola falta de prioridade nacional en cada lado da fronteira a pesares de que os efectos positivos serían enormes” Neste sentido, o representante do Parlamento Europeo emprazou á Comisión Europea a actuar e dar prioridade á cofinaciación para reconstruír estas unións nas zonas transfronteirizas en toda a Unión Europea.