Son momentos de reclusión pero non de quedar parados
Artigo de opinión de Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, sobre a crise do coronavirus
Cando termine o longo confinamento ao que nos vemos sometidos máis de mil millóns de persoas no mundo para evitar a propagación do contaxio do coronavirus, comezará un proceso no que a cidadanía debemos dar pasos para reaxustarnos a unha nova realidade, e digo nova porque as nosas vidas xa terán cambiado, desde á parte máis íntima e emocional á máis social.
Esta dura pandemia global ponnos a proba a cada un de nós, á nosa capacidade de resiliencia individual e colectiva e á nosa suficiencia organizativa como sociedade, pero tamén no ámbito político e económico. E seguirá a facelo nos próximos meses porque a forma de saír desta crise, máis fortes ou debilitados en función das respostas que adoptemos, será un labor de reconstrución de todos e todas, administracións e diferentes grupos e sectores sociais.
Mais se algo está a pór de manifesto esta situación é a nosa afouteza para adaptarnos a cambios tan radicais no día a día, e, estes, curiosamente, axudáronnos a reencontrarnos cos nosos, cos nosos veciños, cos nosos barrios, aos que, curiosamente, nos achegamos dende o peche físico, dende as nosas xanelas, dende os balcóns, dende a irmandade e confraternidade que nace de compartir medos e angustias, pero tamén esperanza.
Agora recorremos ás novas tecnoloxías, non para illarnos, senón para conectarnos e sentirnos preto, e aínda que non nos tocamos coas mans, si o facemos con cada unha das pequenas accións solidarias que levamos a cabo como é cruzar o limiar do noso fogar para aplaudir o valor de quen nos coida, sobre todo porque o fai desde un sistema sanitario que, e hai que dicilo claramente, non soubemos protexer o suficiente.
Podemos estar ante unha nova crise histórica e global, que provoca xa dor e grandes dificultades financeiras a moitos así como grandes cambios na vida diaria de todas e todos nós, e aínda que a recesión que se intúe non responde ás mesmas causas que ás do 2009, si nos debe obrigar a realizar un exercicio de planificación para que os resultados non sexan os mesmos; é dicir, unha poboación máis pobre, con maior desigualdade e precariedade e menos protexida socialmente.
Ante esta situación, mentres aínda loitamos pola saúde e a vida dos nosos veciños e veciñas, os Concellos, as administracións máis próximas, tampouco debemos perder nin un só minuto para actuar como os motores que permitan activar social e economicamente os nosos municipios. Debemos anticiparnos e prever os cambios que se aveciñan e prepararnos nunha acción conxunta de cidade para afrontar os novos desafíos e evitar a perda de cohesión social e de competitividade.
A proximidade relacional dos gobernos locais coa nosa xente debe ser a clave para potenciar o papel que desempeñamos, tanto na xestión dos servizos públicos como para articular unha resposta máis ampla e de maior impacto cidadá. É de novo, agora, cando entran en xogo non só as nosas competencias como administración, senón as nosas incumbencias como goberno municipal, é dicir, actuando en todo aquelo que nos preocupa amplamente e que será básico na nosa capacidade para ofrecer solucións.
Para dar unha contestación a estas incumbencias, tan importante para o executivo local é actuar con recursos propios como desenvolver redes e compromisos cívicos coa veciñanza, priorizar estratexias compartidas e asumir a defensa das súas demandas ante outras administracións competentes.
Por iso, estes son momentos de reclusión, pero non de quedar parados, se non de fornecer a capacidade de organización das cidades, activando ao máximo aos distintos sectores que a conforman para que asumamos colectivamente os desafíos que se presentan co fin de convertelos en oportunidades para mellorar a calidade de vida.
O mellor exemplo de actores da cidade ofrécennolo cada día os centos de valentes anónimos que asumen o seu papel de prestadores de servizos exercendo un labor que excede, en moitos casos, da súa responsabilidade profesional. O persoal sanitario e non sanitario dos hospitais que traballan até a extenuación, as e os dependentes dos establecementos que se manteñen abertos para que poidamos ter á nosa disposición os servizos esenciais, as forzas de seguridade que velan por ela, e mesmo os nosos maiores e os nosos nenos, que son un exemplo de resistencia nos fogares.
Todos e cada un dos cidadáns debemos crear unha rede de interdependencias para, como fan estes heroes do cotiá, mellorar o presente e, sobre todo, gañar o futuro.
Niso debemos pór agora todo o noso empeño.