Portugal suscita admiración en España, ademais de afecto
Artigo de opinión de José Luis Méndez Romeu
Portugal sempre estivo no corazón dos españois. Actualmente ao afecto súmase a admiración cara as súas institucións e cara unha política civilizada e construtiva. A resposta ante a pandemia mostrou que Goberno e oposición manteñen posicións distintas pero poden acordar medidas excepcionais. O prestixio crecente do sistema educativo e universitario, a recuperación tras a gran crise de 2008, especialmente visible na redución do déficit, do paro e da desigualdade, a importante presenza en organismos internacionais ou o respecto ao Xefe do Estado, son algúns dos exemplos portugueses que quen seguimos as políticas públicas observamos co maior interese. E tamén con melancolía, ao comparar a situación política de España con Portugal.
Na súa célebre obra Daron Acemoglu e James Robinson estudaron as razóns do fracaso duns países fronte ao éxito de outros, concluíndo que as institucións robustas son a principal explicación. Institucións como a xustiza independente, a Administración profesional, a seguridade xurídica e outras, explicarían mellor que a abundancia ou carencia de recursos naturais, ou as condicións xeográficas, o desenvolvemento das nacións. En Portugal é simplemente inconcebible que o Presidente da Região Autónoma dos Açores, se enfrentase ao Goberno nacional propoñendo a independencia ou alentando disturbios nas rúas, como sucedeu en Cataluña. Como é inconcebible que unha Secretaria de Estado publique nas redes sociais comentarios contra unha Ministra do seu Goberno. Ou que o propio Vicepresidente do país ataque continuamente en público, por escrito e no Parlamento, ao Xefe do Estado. Son algúns exemplos do que acontece en España. Ao que se une a descalificación frecuente de xuícez, unha Administración cuxos niveis directivos dependen de nomeamentos políticos discrecionais ou un sistema educativo sobre o que choven as leis pero xamais se produce un acordo para que sexan estables.
Non falamos dun país en decadencia, senón dun país lastrado por problemas institucionais. O xurdimento de novos partidos políticos, cada vez máis escorados cara os extremos, repite un patrón similar ao de outros países europeos. Maior polarización, menor capacidade para abordar reformas estruturais, mesmo unha división en bloques preocupante. Por outra parte, as tensións territoriais veñen de agudizar a debilidade institucional. É curioso que as tres guerras civís do século XIX enfrentasen, con outros nomes, aos mesmos bloques. Dun lado liberais, do outro proteccionistas. Mudaron as etiquetas pero o conflito segue a ser entre a vontade duns de reducir a súa aportación fiscal ao conxunto, enténdese en beneficio das rexións menos desenvolvidas e a debilidade do Estado central.
Estamos no século XXI, onde os Estados non rompen por moito que algúns vociferen, nin os conflitos son resoltos con violencia. Pero vivimos un tempo veloz de forma que mentres uns países apagan incendios institucionais de continuo, outros dedican toda a súa enerxía a medrar e progresar.