Lugo, no podio do deporte
Artigo da alcaldesa do Concello de Lugo Lara Méndez, sobre a celebración en Lugo dos Xogos do Eixo Atlántico no ano 2017
En Lugo existe un forte arraigo da práctica deportiva dende idades temperás. Só fai falta dar un paseo pola Muralla ou polas zonas verdes do entorno do río Rato e do Miño para comprobalo. O buque insignia do noso patrimonio histórico, a Muralla romana, accesible de maneira gratuíta e a única en todo o territorio do Imperio que conserva íntegro o seu perímetro, converteuse, como parte esencial da vida dos lucenses, nunha privilexiada pista para camiñar ou correr, da que gozan cada día ducias de veciños e veciñas en solitario, en familia ou con amigos.
Contamos ademais cunha gran canteira de rapaces e rapazas que se forxa nas escolas deportivas municipais, nos centros educativos e nos clubes, en practicamente todas as disciplinas existentes; contamos cunha importante actividade deportiva profesional grazas a equipos de fútbol, fútbol sala e baloncesto que militan en categorías de primeiro nivel; e mesmo é frecuente ver en Lugo a figuras de proxección mundial como o triatleta Javier Gómez Noya adestrando para marcar novos fitos na historia do deporte.
Todas as semanas, durante todo o ano, Lugo acolle citas deportivas, campionatos, torneos, probas... das máis variadas disciplinas e tanto de carácter profesional como de base.
O Deporte é hoxe un estandarte, unha sinal da identidade, do concello de Lugo, que mobiliza a milleiros de lucenses e atrae á cidade a centos de miles de persoas ao longo do ano. Como en tantos outros ámbitos, temos a materia prima: a afección polo deporte, talento, instalacións de calidade e un tecido de asociacións e clubs amplo, forte e dinámico co que dende o Concello traballamos man a man.
Isto é froito de moitos anos de traballo, de compromiso, e do firme convencemento de que o Deporte e os valores que inculca son un instrumento de cohesión social e territorial, unha practica que fomenta os hábitos de vida saudable e tamén unha oportunidade para promocionar e poñer en valor no exterior os nosos recursos e patrimonio, histórico, cultural, medioambiental e gastronómico.
Por iso, para continuar nesta liña de impulso da actividade deportiva como fin en si mesmo e como medio para potenciar a actividade trurística, decidimos presentar a candidatura coa que logramos converternos en sede da undécima edición dos Xogos do Eixo Atlántico no 2017, xunto cos municipios de Sarria e Monforte.
Este evento transfroiteirizo transcende o ámbito estritamente deportivo e confígurase como un enriquecedor punto de encontro para dinamizar o interior da Eurorrexión, fomentar o coñecemento mutuo e a interrelación entre dúas culturas irmás, vertebrar o territorio e aproveitar sinerxias cara o desenvolvemento socioeconómico.
Grazas a esta cita, que reunirá na nosa cidade a máis de 5.000 persoas, só entre participantes e organización, Lugo acaparará os focos e a atención no ámbito nacional e internacional, permitíndonos proxectar cara milleiros de persoas a nosa riqueza e potencial como unha das poucas cidades do mundo con tres Patrimonios da Humanidade –a Muralla, a Catedral e o Camiño de Santiago-, o noso pasado romano, pero tamén medieval, o casco histórico, o cinto verde conformado polo Rato e o Miño, e tamén a hospitalidade das nosas xentes.
Estou segura de que a organización dos Xogos do Eixo Atlántico 2017 consolidará a Lugo no podio do deporte, como referente na xestión de eventos deportivos e nos permitirá seguir avanzando cara a nosa meta de converter o turismo como fonte de recursos e motor de desenvolvemento socioeconómico da cidade.