Economía circular: (re)pensar o futuro para non traspasar a liña
Artigo de opinión de Isabel Estrada Carvalhais, Deputada ao Parlamento Europeo, publicado en Correio do MInho
Hai polo menos unha década que se popularizou o concepto de economía circular. Non se pode dicir que o éxito do termo fose acompañado do mesmo éxito en materia de estabilización conceptual. Un traballo académico de tres autores (Kirchherr, Reike e Hekkert, 2017) identificou polo menos 114 definicións de economía circular nunha mostra de 155 artigos científicos. Polo tanto, se a idea é falar un pouco de economía circular, máis vale comezar por facer unha breve definición.
Utilicemos entón a que introduce o Parlamento Europeo: “A economía circular é un modelo de produción e de consumo que envolve o compartir, o aluguer, a reutilización, a reparación, a renovación e a reciclaxe de materiais e produtos existentes, na medida do posible. Desta forma, o ciclo de vida dos produtos alóngase. Na práctica, a economía circular implica a redución do desperdicio ou dos residuos ao mínimo. Cando un produto chega á fin do seu ciclo de vida, os seus materiais son mantidos dentro da economía sempre que é posible, podendo ser utilizados unha e outra vez, o que permite así crear máis valor.”
Na base desta definición está o principio das 4 Rs: reducir, reparar, reutilizar, reciclar, ao que moitos engaden tamén o refusar, no sentido de aprender a dicir ‘non’ cando nos propoñen alternativas de consumo menos ecolóxicas como a sobre-embalaxe de produtos (pense nas ‘capas’ de plástico e de papel que chegan a envolver algo tan simple como un xabón, por exemplo). A acción de refusar é útil sobre todo cando as outras 4 Rs non están suficientemente incorporadas ao longo de toda a cadea de produción e de distribución de determinado produto, o que tamén implica que existan alternativas que permitan viabilizar o rexeitamento.
O grande obxectivo da implementación dun modelo de economía circular está en asegurar que o benestar, o crecemento económico e a prosperidade material non se volvan inimigos desintegradores do medio ambiente. Logo, o obxectivo máximo da economía circular é conseguir un modelo de desenvolvemento económico e social baseado na sustentabilidade ambiental.
A preocupación pola sustentabilidade ambiental non é un capricho ideolóxico. É antes un imperativo que resulta da constatación de que continuar vivindo baixo a éxida da economía en liña (da “goma de mascar que se proba, se mastiga e se tira”, da “sociedade do consumo inmediato” que os Táxi cantaban hai 40 anos) é negar ás xeracións vindeiras o dereito a un futuro. Xa nin sequera dun futuro saudable e feliz, senón simplemente de calquera futuro. Os recursos da terra son finitos. É desta constatación da que se desprende a aposta da Unión Europea por promover modelos de produción e de consumo que permitan transitar a ese novo paradigma de desenvolvemento.
Esa promoción está a facerse de forma moi real a través dun cadro lexislativo cada vez máis extenso e completo, que ten emanado das institucións europeas e que acaba por ter unha concreción moi clara no noso día a día, malia que moitas veces tem sido desvalorizada, criticada ou ata ignorada. Pense, por exemplo ,no impacto que xa está a ter a recente directiva europea (Directiva (UE) 2019/904) para a redución dos produtos de plástico dun único uso, e que Portugal xa está a traspoñer para a súa lexislación interna desde xuño do mesmo ano. Pense que é posible que xa teña na casa palliñas reciclables e reutilizables... Un xesto simple, é certo, mais que deriva dunha alteración á que a industria de alimentación ten que adaptarse por forza da lei europea. Un xesto simple, pero que contribúe moito, créanme, a reducir o 50% dos plásticos dun só uso que enchen as praias de Europa.
Agora pense tamén nos múltiples cargadores de móbil que debe ter se conta con máis dunha marca ou, ás veces, máis dun modelo dentro dunha mesma marca. Ademais do evidente impacto ambiental, como lle facilita a vida ou o beneficia como consumidor ese arsenal de cargadores? Non sería preferible ter a posibilidade de arranxalo no canto de tiralo? Se cre que si, entón está entre o 77% dos europeos aos que lles gustaría facer exactamente o mesmo. A Comisión Europea presentou en marzo de 2020 (no ámbito do Pacto Ecolóxico Europeo e como parte da proposta para unha nova estratexia industrial) un novo Plan de Acción para a Economía Circular, co obxectivo de provocar cambios que estimulen a economía circular e que sexan máis beneficiosos para o propio consumidor. Este plan, cuxo informe do Parlamento Europeo será votado no pleno, ten desde logo a redución dos residuos de aparellos eléctricos e electrónicos como unha das súas principais prioridades, e inclúe propostas moi concretas como o establecemento do "dereito á reparación" e a introdución dun cargador universal.
Con isto vemos que as institucións europeas, que ás veces nos parecen tan distantes, están en realidade moi preto de nós, forman parte do noso día a día e non foron creadas ignorando ou contrariando as preocupacións do cidadán consumidor, senón ante todo procurando a salvagarda máxima dos seus dereitos e tamén a salvagarda dos recursos naturais dos que dispoñemos.