A meta dunha sociedade paritaria
Artigo de opinión de Marián Ferreiro, alcaldesa de Narón, sobre a situación da muller nos cargos públicos
Segundo un informe de 2017 do Foro Económico Mundial, tardaremos máis dun século en superar a brecha de xénero a nivel global, é dicir, de continuar este ritmo, unha nena nacida hoxe estaría predestinada a desenvolver toda a súa vida con situación de desvantaxe en comparación aos homes.
Empezo por aí porque a frialdade do dato permite poñer en dimensión o urxente de acelerar motores para que en cada país reduzamos este prognóstico e, aínda que o mesmo informe indica que España pasou do lugar 29 ao 24 na redución da brecha de xénero, toca redobrar esforzos para que a meta dunha sociedade paritaria sexa efectivamente alcanzada. Non podemos quedarnos a medio motor cando o que a desigualdade de xénero produce é que a metade do planeta non poida desenvolver en liberdade os seus talentos e habilidades para facer deste un mundo mellor.
Neste sentido, debemos recoñecer o esperanzador da toma de impulso do movemento feminista non só no noso país e no conxunto do Estado, senón en diversas latitudes. O paro internacional do 8 de marzo deste 2018 deixou ver nas rúas de máis de 120 cidades de todo o Estado, entre elas todas as galegas, unha mobilización sen precedentes a favor da igualdade de dereitos e oportunidades.
Agora ben, aínda que ditas manifestacións que emerxen desde a sociedade son dignas de celebrarse porque reflicten un avance cultural moi importante, quen formamos parte dos gobernos non podemos esquecer o noso compromiso con esta causa. Temos a responsabilidade de executar plans e programas que garantan unha perspectiva de xénero transversal.
O primeiro paso é a visibilización do problema, o segundo a toma de accións. No caso de Narón, concello que desde hai máis dun ano teño a honra de gobernar, sendo a primeira muller alcaldesa, contamos cun II Plan de igualdade que contempla obxectivos concretos e medibles por área e cuxo obxectivo específico é promover e mellorar a calidade de vida das mulleres desde unha perspectiva bio-psico-social: erradicar as violencias machistas, promover a saúde sexual, fomentar a igualdade salarial e medidas de conciliación familiar e persoal.
Así é como desde o goberno de Narón entendemos o noso compromiso coa igualdade de xénero, como un asunto de dereitos humanos e un reforzamento da vida democrática.
Aínda quedan moitos teitos de cristal que romper, como por exemplo, contar cunha muller presidenta da Xunta de Galicia, ou unha presidenta do goberno, pero imos avanzando desde os gobernos locais para empuxar cara esta dirección, porque cando se impulsan decididamente políticas de igualdade desde os municipios, no medio prazo se terán que ver os froitos no avance das mulleres en todas as esferas: política, empresarial, académica, etcétera.
Ao longo deste ano como alcaldesa e, precisamente por terme tocado romper o teito de cristal do Concello de Narón, en repetidas ocasións me teñen preguntado como me tomo esta responsabilidade, ao que sempre respondo: con todo o ánimo para traballar e conseguir que despois de Marián Ferreiro veñan moitas outras alcaldesas a continuar baixo a mesma ruta: a transversalidade da perspectiva de xénero en todos os labores de goberno.
Hai obstáculos, pero as gañas de que a absolutamente todas as nenas de hoxe se lles garanta o seu dereito de soñar e construír os seus proxectos de vida en grande e sen discriminación é o aliciente para continuar cada día.