A defensa da muller: Como o caso de Turquía revela un risco latente
Artigo de Opinión de Isabel Estrada Carvalhais, Deputada no Parlamento Europeo
O pasado día oito de marzo, o mundo celebrou o Día Internacional da Muller. Celebrou, como quen di… Porque pouco ou nada se celebra un día que é, sobre todo, para lembrar o moito que aínda falta por cumprir para acadar a dignidade da muller, sexa no espazo público, sexa no espazo laboral, sexa no espazo doméstico, no seu empoderamento político, no acceso aos seus dereitos reprodutivos, á educación, no tratamento igualitario en materia salarial. E, sobre todo, no que respecta á violencia física e psicolóxica que destrúe a vida de millóns de raparigas e de mulleres por todo o mundo.
Finalizado o día 08 de marzo, volver a falar da loita das mulleres fai que moitos sintan o que sentimos cando alguén aínda mantén as luces de Nadal nas varandas, cando xa se está máis preto do entroido do que outra cousa. Parece xa fóra de contexto, un despropósito. Dun día para o outro, deixa de ser tema, porque cada día do ano parece reservado a tantas outras efemérides de igual importancia, ou próximas diso.
Agora, para quen poida ter esa sensación de que hoxe, falar do Día Internacional da Muller, soa xa a noticia vella, fóra de época, que só volve a ter o seu timing de aquí a case 12 meses, déixenme recordar porque todos os días deben ser días de loita pola dignidade da muller: este pasado sábado, día 20, Turquía anunciou a súa retirada da Convención de Estambul. A Convención de Estambul é un dos máis importantes marcos no cadro xurídico internacional en defensa da muller, precisamente por tratarse da Convención para a prevención e combatir a violencia contra as mulleres. Turquía foi o primeiro país asinante, acto de enorme simbolismo que moitos interpretaron como a tentativa de Erdogan de seguir coa súa ‘Nova Turquía’, mais sen virar completamente as costas á Europa, ao Occidente (ao que Turquía tamén pertence, non nos esquezamos) e aos valores dos Dereitos Humanos, de entre os cales emerxen naturalmente os dereitos das mulleres.
Serán, por certo, diversas as lecturas políticas que poden ser feitas no sentido de explicar o anuncio desta decisión por parte de Erdogan. Non esquezamos por exemplo que o seu proxecto político coñecido como a ‘Nova Turquía’ parece perder algún fulgor xunto dos seus simpatizantes e potenciais electores – canto máis non sexa porque o éxito do proxecto está, desde o seu lanzamento en 2007, dependendo da performance económica interna da Turquía – e tal poderá explicar a necesidade de medidas que reforcen os lazos cos sectores sociais máis conservadores e relixiosos, adeptos da islamización da sociedade e dunha lectura da muller que a reconduza ao lar e ao seo da familia, vista como o seu espazo, o seu hábitat natural.
Sexan cales foran as explicacións, esta é unha decisión que representa un retroceso inmenso na loita pola dignidade das mulleres en Turquía, e que crea as condicións para lexitimación daquela que viña xa sendo unha tendencia visíbel na sociedade turca: o aumento do femicídio, e o aumento de casos de violencia conxugal.
De acordo coa Plataforma “we will stope Femicide” (Nós imos acabar co femicidio), 409 mulleres turcas foron asasinadas en 2020, e desde o inicio deste ano, cóntanse xa máis 77.
Neste sentido, a retirada da Turquía desta importante Convención, revístese dun gran simbolismo, mais deste feito, moi negativo, pois vén confirmar a liña conservadora de Erdogan en relación ao papel de subalternidade da muller na sociedade, dando forza aos movementos tradicionais que defenden o regreso da muller ao lar, e diminuíndo significativamente a forza e a capacidade de acción das asociacións e grupos de mulleres turcas que defenden o empoderamento e liberación das mulleres.
En canto ao gran argumento para xustificar o abandono da Convención, este préndese sobre todo cunha liña de pensamento que tamén ten medrado entre as extremas-dereitas europeas: a idea de que a sociedade está a ser dominada pola ideoloxía de xénero, e que no camiño da defensa dos dereitos das mulleres, crecen as comunidades LGBTIQ, as cales buscan o dominio da sociedade pola imposición da ideoloxía de xénero. Noutras palabras, para as correntes conservadoras de extrema-dereita, hai o perigo dunha crecente “ gayzación” da sociedade, a par do que cren ser unha propaganda de normalización e glorificación da homosexualidade que é contraria á súa interpretación da familia tradicional. Este é o racional que encontramos no ultraconservadorismo do goberno turco, cuxo lema ‘Familias fortes, sociedade forte’ síntese desafiado polo que considera ser unha ameaza á santidade da familia. Recordemos que Erdogan, apela continuamente á imaxe da muller como coidadora por excelencia e exorta as mulleres a teren tres fillos, cumprindo así coa súa vocación natural de nais.
A propósito de como a loita das mulleres afronta continuamente formas que buscan baleirala de sentido, de relevancia e de actualidade, hai un outro aspeto que gustaríame resaltar, pois creo que axuda a entender o espazo onde se albergan algúns equívocos sobre o que significa unha sociedade xusta para coas mulleres. Poucos entre nós dubidarán que a presenza de mulleres como deputadas nos parlamentos nacionais, rexionais e locais dun país, é dos mellores datos para a verificación do nivel de presenza afirmativa da muller nunha sociedade. Con todo, é sempre importante ter en mente que tal presenza pode non ser, por si mesma, reveladora dunha sociedade igualitária no tratamento das cuestións de xénero, mais antes a resposta da propia estrutura conservadora, como forma de limitar, e até se posíbel baleirar, o discurso e a acción reivindicativa das mulleres. É precisamente ese o caso da Turquía. Desde 1934, ano da consagración constitucional dos dereitos políticos das mulleres turcas, nunca como hoxe estiveron tantas mulleres sentadas no parlamento turco (17,29%, ou sexa, 101 en 584 deputados). O partido con máis mulleres é o HDP (principal partido de oposición e pro-kurdo, con 23 mulleres en 56 deputados), seguido do CHP (partido republicano de inspiración kemalista e o máis antigo partido turco). E en terceiro lugar, emerxe o propio partido do goberno e do presidente Erdogan, o AKP, con 54 mulleres en 289 deputados.
Mais, que nos di esta crecente presenza das mulleres no parlamento turco? Por un lado, dinos que o espazo político ten que continuar a ser reclamado polas mulleres para de aí proxectaren e realizaren outras loitas pola igualdade e dignidade intersectorial de todas as mulleres. Por outro, dinos que o espazo político aberto ás mulleres pode tamén ocultar formas de procurar baleirar a súa loita, non sendo raras ás veces en que as voces máis conservadoras se encontran precisamente entre mulleres captadas polos partidos máis conservadores. Tema sen dúbida para unha outra reflexión, noutra oportunidade.