25 anos
Artículo conxunto do Presidente e do Vicepresidente do Eixo Atlántico, Ricardo Rio e Alfredo Rodríguez, respectivamente, con motivo dos 25 anos do Eixo Atlántico, que se cumplen no 2017
Hai quen di que cumprir anos non é bo. Do que estamos seguros é de que non facelo é moito peor. A vida das organizacións non segue a escala temporal das persoas. Se os avances da medicina e das condicións de vida no primeiro mundo, sitúan a esperanza media de vida ao redor dos 83 anos, a crise económica e unha insuficiente cultura cooperativa, así coma un déficit de gobernanza nas relacións entre os cidadáns e o poder político, que se canaliza xeralmente a través deste tipo de organizacións, sitúan a vida media das mesmas por debaixo dos 25 anos.
Por iso é unha satisfacción moi especial conmemorar os 25 anos de vida do Eixo Atlántico, unha entidade que segue sendo á máis antiga de Europa no seu ámbito da cooperación transfronteiriza.
Con algunha frecuencia, no pasado, a xente preguntaba: pero, para que serve o Eixo Atlántico. A cultura administrativa ibérica só introduciu a planificación estratéxica nos últimos 50 anos, o que na escala a que nos referimos, é moi pouco tempo. A vida das cidades, especialmente co tsunami que supuxo a crise, apenas deixa tempo para pensar no seu desenvolvemento nun horizonte temporal adecuado; construír a cidade entre todos, de maneira participativa e creativa é algo que aos poucos estamos a conseguir con experiencias moi positivas, por exemplo os orzamentos participativos, os consellos sectoriais de participación cidadá, e así ata un etcétera progresivamente amplo.
Pero este proceso de construción individual, precisa dun nivel superior de cooperación, que permita pensar e planificar en conxunto. Pero si ademais somos un conxunto continuo e compacto de cidades nun territorio, constituímos un Sistema Urbano. E ao pertencer a dúas rexións que cada vez máis facemos vida en conxunto, adquirimos na tranfrontericidade un valor engadido que se traduce en máis masa crítica, e por tanto mais servizos e máis oportunidades de captar investimentos. Isto denominase Arquitectura Estratéxica.
E isto é, por tanto, o que é e o que ven facendo o Eixo Atlántico nestes 25 anos. Un instrumento de arquitectura estratéxica que estrutura o Sistema Urbano da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, á que cada vez con máis frecuencia denominase Eurorrexión do Eixo Atlántico.
25 anos desenvolvendo unha estratexia dobre, de lobby na consecución dos investimentos precisos para o desenvolvemento e de axencia de desenvolvemento eurorrexional en canto xere actividade económica e masa crítica dende as competencias do ámbito municipal.
Por iso, cremos sinceramente que temos motivos suficientes para nos sentir lexitimamente orgullosos destes 25 anos, de ter chegado ata aquí e facelo dunha maneira honesta, solidaria e moi satisfactoria. E por suposto, desexamos- e por iso traballaremos- que teñamos ocasión de celebrar os vindeiros 25.