Pontevedra lanza unha campaña para incentivar o turismo de proximidade baixo o hashtag #VuelvoaPontevedra
Coincidindo coa reapertura das fronteiras con Portugal, a iniciativa pretende “potenciar a imaxe como destino para o norte do país luso e o norte de España”
Unha intensa campaña de marketing dixital baixo o hashtag #VuelvoaPontevedra, cun animado vídeo promocional e o sorteo de dous bonos de dúas noites e almorzo en empresas turísticas de aloxamento da cidade, servirá para poñer en marcha a estratexia coa que a Concellería de Promoción Económica e Turismo, a través da firma municipal Visit-Pontevedra, pretende incentivar o turismo de proximidade. O lanzamento da campaña de fidelización de viaxeiros, que coincide coa reapertura das fronteiras con Portugal, busca potenciar a imaxe e notoriedade da marca ‘Pontevedra’ nun mercado de clientes que xa coñecen o destino e que se atopan a unha distancia de catro ou cinco horas da cidade en coche ou outros transportes terrestres, esencialmente do Norte de España e do país luso.
Tal e como sinala a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, a iniciativa diríxese a “persoas que xa coñecen Pontevedra ou Galicia e/ou lles gustaría coñecelas e que estean buscando activamente e/ou contratando aloxamentos turísticos, entradas a eventos, viaxes, que sexan asistentes habituais a eventos culturais, afeccionados á arte e o teatro, gastrónomos e que adoiten cear fóra e que sexan amantes das viaxes”.
Segundo avanza a edil, a campaña #VuelvoaPontevedra traducirase na difusión dun vídeo publicitario dun minuto e medio de duración, titulado “Recuerdas” e no que se exhiben imaxes de prazas, terrazas, festas, gastronomía, aloxamentos, restaurantes e vida da cidade así como nun sorteo a través das redes sociais de Turismo de Pontevedra, cun sinxelo cuestionario sobre os recursos turísticos do concello. Todos aqueles que queiran participar poderán facelo até o vindeiro 15 de xullo, premendo na pestana “Recuerdas” da páxina de Facebook de Visit-Pontevedra) ou no enlace https://pr.easypromosapp.com/p/897613). “Os que acerten as preguntas participarán no sorteo de dous bonos de dúas noites e almorzo en empresas turísticas de aloxamento da cidade de Pontevedra”.