Skip to main content

O Foro Termal acorda a distribución da súa primeira guía turística en primavera de 2021

O Foro Termal acorda a distribución da súa primeira guía turística en primavera de 2021

O Eixo Atlántico asume a coordinación desta rede de colaboración

O Foro Termal do Eixo Atlántico vén de acordar a distribución en papel da súa primeira guía turística, que se fará cos medios de comunicación na primavera de 2021.

Segundo aprobaron os membros do foro, reunidos por videoconferencia, ademais do reparto cos medios de comunicación a guía termal tamén se distribuirá na feira Expocidades, que se celebrará no concello de Valongo en setembro do vindeiro ano, na que os membros que non forman parte do Eixo terán un stand propio para poder participar tamén na feira.

Os membros do Foro Termal acordaron tamén realizar un Seminario de Intercambio de Experiencias dedicado ao termalismo e turismo de saúde en abril de 2021 en Vizela.

Na reunión, que contou con representantes do Carballiño, Santa Maria da Feira, Deputación de Lugo, Vizela, Guimarães,Vila Pouca de Aguiar, Ourense, Terras de Bouro e Lugo, acordouse tamén que será o propio Eixo Atlántico quen asuma a coordinación do Foro Termal.

O Foro Termal ten como misión a promoción do sector termal da Eurorrexión e do termalismo transfronteirizo na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal a través dunha estratexia conxunta de divulgación, promoción e posta en valor do termalismo e a cultura e patrimonio termal da Eurorrexión; así como a promoción do intercambio de boas prácticas e a participación conxunta en proxectos e iniciativas que posibiliten e contribúan á promoción do sector.

Pretende reforzar a promoción do termalismo da Eurorrexión a nivel nacional e internacional, a posta en común de experiencias e coñecemento así como promover o desenvolvemento de novas competencias, informacións e resultados no ámbito termal. Así mesmo, busca estimular a economía das vilas termais e, por tanto, da Eurorrexión, e promover o recoñecemento público da importancia do termalismo.

As localidades que integran o Foro Termal do Eixo Atlántico nestes momentos son Caldas de Reis, O Carballiño, Carballo, Deputación de Lugo, Guimarães, Lugo, Ourense, Santa María da Feira, Terras de Bouro, Vila Pouca de Aguiar e Vizela.