Os socios do proxecto europeo Destino Fronteira aprobaron o estudo durante a reunión celebrada onte en Toro
Nas próximas semanas verá a luz o primeiro Plan estratéxico de turismo de fronteira, que inclúe accións concretas para a promoción conxunta da fronteira hispano-lusa como destino turístico.
Os socios do proxecto europeo Destino Fronteira mantiveron onte unha reunión na localidade española de Toro (Zamora) durante a que se aprobou este documento estratéxico para o desenvolvemento e promoción do turismo de fronteira.
O Eixo Atlántico coordina a elaboración deste Plan Estratéxico, no marco do proxecto Destino Fronteira, co-financiado polo Programa INTERREG V-A España - Portugal (POCTEP 2014-2020), no que participan entidades transfronteirizas de toda a raia: AECT Chaves-Verín, AIMRD, AECT ZasNet, Deputación de Salamanca, CEC, Triurbir, Deputación de Huelva e Odiana.
O obxectivo xeral do proxecto europeo Destino Fronteira é implementar unha estratexia de desenvolvemento turístico da fronteira España-Portugal como destino único, integrado e estruturado, baseado en recursos endóxenos compartidos e na especialización intelixente da oferta, e que permita reducir os custos de contexto, diminuír as desigualdades territoriais e promover o desenvolvemento sustentable das rexións de fronteira.
Entre os resultados que queren conseguir destaca a mellora da competitividade do territorio da raia e incremento do emprego directo e indirecto no sector turístico; incremento da calidade dos servizos e produtos turísticos da fronteira; maior atracción turística dos territorios de fronteira, así como a mellora das competencias dos recursos humanos do sector turístico e sensibilización da comunidade receptora cara ao fenómeno turístico.
O novo concepto que representa o programa é “Percórrea, non a cruces”, que se une ao de “Dous países, un destino”, impulsado polo Eixo Atlántico desde hai 6 anos.