Skip to main content

O Eixo Atlántico publica Patrimonio natural, Paraíso terreal, a guía turística dos espazos naturais da Eurorrexión

O Eixo Atlántico publica Patrimonio natural, Paraíso terreal, a guía turística dos espazos naturais da Eurorrexión

Será distribuida gratis coa prensa galega e portuguesa esta fin de semana

Este sábado, 6 de outubro, chega aos quioscos galegos a nova guía turística do Eixo Atlántico. Baixo o título Patrimonio natural, paraíso terreal, esta publicación plasma a difícil tarefa de recompilar nun só libro de pequeno formato a riqueza natural da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

En concreto, en Galicia esta publicación será entregada co exemplar do día 6 dos periódicos Diario de Pontevedra, Progreso de Lugo, El Correo Gallego, Ideal Gallego, Diario de Arousa, Diario de Ferrol e Diario de Bergantiños.

En Portugal a distribución da guía farase a través do xornal Público o 7 de outubro e do Correio do Minho o día 12. Ademais, tamén poderá descargase a través da propia web do Eixo Atlántico e dos diarios dixitais Praza Pública e Galicia Confidencial.

Trátase dun rigoroso traballo no que se poden atopar os principais espazos naturais clasificados segundo o seu recoñemento oficial (parque nacional, reserva da biosfera, parque natural...) e agrupados segundo a súa localización xeográfica: provincia de Lugo, provincia de Ourense, Eurocidade Chaves-Verín, Trás-Os-Montes e Alto Douro, Área Metropolitana do Porto, Minho, Provincia de Pontevedra, Provincia da Coruña e un apartado especial para o Camiño de Santiago, o camiño natural da Eurorrexión.

Ao longo e ancho desta unión transfronteiriza, nas principais cidades da Eurorrexión podemos localizar numerosos espazos naturais, é dicir, ámbitos da natureza que presentan unha baixa ou nula alteración por parte da acción humana. En concreto, na Eurorrexión enuméranse dous Parques Nacionais, seis Reservas da Biosfera, 10 Parques Naturais, e máis dun centenar de lugares protexidos para preservar a súa paisaxe, a súa fauna, a súa flora, e a súa excepcionalidade.

 

Sorteo de estancias de fin de semana

Esta acción de difusión e posta en valor do patrimonio natural da Eurorrexión compleméntase cos sorteos que os diferentes medios de comunicación van levar a cabo de estancias de fin de semana en diferentes espazos de interese de Galicia e o Norte de Portugal, grazas á colaboración das entidades asociadas no Eixo Atlántico.

Os sorteos terán lugar nos días posteriores ao reparto da guía.