Skip to main content

O Eixo Atlántico prepárase para reimpulsar o turismo tras a crise da Covid

O Eixo Atlántico prepárase para reimpulsar o turismo tras a crise da Covid

 O obxectivo do grupo de traballo de turismo do Eixo Atlántico este 2021 é reimpulsar o coñecemento dos municipios do Eixo e fomentar o turismo entre os territorios unha vez finalicen as restricións de mobilidade

26 de xaneiro de 2021. O grupo de traballo de turismo do Eixo Atlántico, formado por membros das corporacións e técnicos da área de turismo dos municipios e entidades membro do Eixo Atlántico, vén de marcar a súa axenda para o 2021. O obxectivo é reimpulsar o coñecemento dos municipios do Eixo e fomentar o turismo entre os territorios unha vez finalicen as restricións de mobilidade por mor da Covid-19. 

Entre as iniciativas aprobadas está a celebración entre o 1 e o 5 de setembro da sexta edición da Mostra Turística das Cidades do Eixo Atlántico, máis coñecida como Expocidades, nesta ocasión en Valongo (Portugal). O encontro realizarase en sinerxía coa feira Expoval, xerando unha gran feira de turismo de interior e de fronteira. Entre as medidas apoiadas polos municipios do Eixo Atlántico para a reconstrución do turismo tras a Covid-19 está a celebración da Mostra Turística de xeito anual para continuar a impulsar a visibilidade dos territorios máis alá do 2021. 

Outra das apostas para os próximos meses é a organización do III Seminario de Intercambio de Experiencias entre os municipios do Eixo no ámbito do turismo. O encontro terá lugar no mes de xullo na provincia de Lugo e porá o foco na consolidación do turismo seguro e do turismo de autor.