A entidade transfronteiriza reuniu a 43 representantes dos seus municipios para falar sobre os retos e oportunidades do sector do turismo no período post Covid e abordar como afrontalos desde a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
O turismo é o sector máis afectado polo Covid19 e polas medidas adoptadas nos diferentes países para combatelo. Será, ademais, un dos últimos en saír da crise e non o fará na forma na que o coñeciamos até agora. A súa realidade vai cambiar radicalmente. Por iso, sendo plenamente conscientes disto, é o momento de repensar o sector analizar o apoio e guía que desde Europa se lle ofrece.
A Comisión Europea recoñece a necesidade de apoio ao sector, tal e como indicou no seu discurso do pasado 21 de abril o Comisario de Mercado Interior, Thierry Bretón. Neste sentido, está a considerarse este sector como un dos prioritarios para a acción dun posible Plan Marshall europeo destinado a reactivar a economía da UE tras o tremendo impacto do Covid19.
Neste contexto, os socios de EPICAH están a preparar unha mensaxe de reforzo da súa demanda de que a UE estableza unha política europea integrada de turismo. Unha política e unha liña financeira propia que sirva para poder reconstruír este sector e todos os que del dependen.
Para a contribución do Eixo a este traballo, o 28 de abril tivo lugar unha reunión telemática do Grupo de Traballo de turismo do Eixo que tiña un dobre obxectivo: aprobar as achegas do Eixo e debater entre os seus membros as accións a adoptar neste ámbito a escala eurorrexional. Así mesmo, foi unha oportunidade para as cidades de compartir preocupacións, ideas e accións que están a se desenvolver a escala local.
Conclusións
Entre as conclusións máis relevantes da xornada, que contou cunha participación masiva, reflexo do interese que esta cuestión suscita nas cidades do Eixo, destacan:
- Reforzar o papel do Eixo como divulgador da Eurorrexión
- É preciso reforzar a imaxe de que o turismo de proximidade é un turismo seguro
- Será importante traballar en cuestións de formación ao sector
- A dixitalización da oferta é unha das claves de futuro.
- É preciso facilitar o turismo de proximidade como o máis accesible nun momento de dificultades económicas; coñecido, nun momento de medos; e sustentable en termos de recursos. Promoverase, neste sentido, un catálogo da oferta turística das cidades do Eixo. Un produto novo e creativo que non só teña en conta ás cidades senón tamén a súa contorna inmediata e as súas posibilidades de conexión nunha oferta unificada.
- Reforzar a comunicación será esencial para conseguir os obxectivos propostos, con accións cruzadas entre os diferentes territorios.
O turismo transfronteirizo e de calidade configúrase como a opción que no futuro inmediato, pero non só, pode abrir a porta da recuperación deste sector que terá que reinventarse no curto e medio prazo para asegurar a súa supervivencia e a dos que del dependen.
Desde EPICAH, os seus socios terán en conta todas estas achegas na elaboración dun documento conxunto que será debatido nas próximas semanas co fin de facelo chegar ás institucións comunitarias pertinentes para reclamar que se conceda ao turismo a relevancia que merece, tamén a escala de políticas e axudas europeas.