Skip to main content

Monforte presenta o vídeo e o cartel da XVII edición da Feira Medieval

Monforte presenta o vídeo e o cartel da XVII edición da Feira Medieval

Vaise celebrar os días 20 e 21 de abril

O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé, deu a coñecer a campaña promocional da décimo sétima edición da Feira Medieval de Monforte, un evento que se celebrará os vindeiros 20 e 21 de abril. Durante a roda de prensa o rexedor estivo acompañado da concelleira de Cultura, Marina Doutón, do produtor Iván Patiño, e do deseñador do cartel Xosé Quiroga.
José Tomé resaltou que desenvolveremos unha “campaña de promoción igual de intensa que a que fixemos o ano pasado, a pesares de que a Xunta de Galicia non concedese a Monforte a declaración de feira de interese turístico galego, exclusivamente por motivos políticos”.
Ademais, o Alcalde adiantou que “nesta décimo sétima edición temos unhas 150 solicitudes para a instalación de postos, o que supón un número moi alto en relación con outros eventos doutras cidades”.

Vídeo e cartel para a promoción da Feira Medieval
As imaxes do vídeo que se presentou hoxe foron filmadas durante a Feira Medieval do pasado ano e un ano máis, o traballo leva a sinatura de Iván Patiño, produtor de Amanita Films. O vídeo promocional vaise difundir a través do mupi do Cardeal, da web e redes sociais do Concello e tamén dende a web do Eixo Atlántico. Este organismo vaise encargar de distribuílo ós 38 concellos que conforman a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
O texto que constitúe o fío narrativo do vídeo é obra do cineasta galego Luís Avilés Baquero, fillo do ilustre escritor de Noia, Antón Avilés de Taramancos, ó que Monforte ten adicado unha rúa. O actor que representa ao camiñante-peregrino protagonista do vídeo que chega a Monforte cruzando a Ponte Medieval, é Miguel Borines, un actor vigués que ten traballado en varias series de televisión, entre outras facetas.
Pola súa parte, o Alcalde, en relación ao cartel deseñado por Xosé Quiroga, indicou que nun ano en que a sociedade está moi sensibilizada con todo o relacionado cos dereitos da muller, un ano no que aprobamos o Plan de Igualdade municipal, o Concello de Monforte é sensible a todo isto, e quixemos que a figura da muller tivera unha presenza central no cartel, mantendo outros elementos identificativos de Monforte como é a TAU, a Muralla, a igrexa de Régoa ou a Torre da Homenaxe”.