Skip to main content

As cidades do Eixo Atlántico mostran o seu potencial na feira Expocidades, en Viana do Castelo

As cidades do Eixo Atlántico mostran o seu potencial na feira Expocidades, en Viana do Castelo

A exposición, que estará situada en pleno centro da cidade, no Centro Cultural, celebrarase do 19 ao 21 de xuño


Unha ampla representación das cidades galegas e portuguesas integradas no Eixo Atlántico mostrarán o potencial do turismo de proximidade na terceira edición da "Mostra de Turismo dás Cidades do Eixo Atlântico, Expocidades" que se celebrará en Viana do Castelo do 19 ao 21 de xuño, próximos.

30 expositores coas 28 cidades e entidades  participantes mostrarán as posibilidades turísticas das mesmas, unha oferta enfocada ao turismo de proximidade dada a relativa distancia que existe entre as urbes galegas e portuguesas e a variedade de ofertas turísticas ao visitante.

Expocidades será o maior escaparate do potencial turístico das cidades que integran o Eixo Atlántico. Creada hai máis de 20 anos, a entidade transfronteiriza é unha das principais referencias do que acontece na Eurorrexión Galicia Norte de Portugal, que agrupa ás 38 principais cidades e entidades de Galicia e do Norte de Portugal,  metade galegas e metade portuguesas.

A exposición estará situada en pleno centro da cidade, no Centro Cultural de Viana do Castelo. Paralelamente ao desenvolvemento da feira terán lugar outras actividades como degustacións de produtos típicos das cidades (doces, pan, viños, conservas...), actuacións musicais e teatrais, a exposición de aves do zoológico de Maia durante unha das xornadas, proxección de vídeos documentais das cidades e encontros turísticos entre profesionais do sector.

Nesta terceira edición, despois de pasar por Lugo e Pontevedra en anos anteriores, o deseño da feira tamén se axustará aos estándares de sustentabilidade tanto no emprego de materiais reutilizables como na separación dos residuos, entre outros. A entrada será gratuíta.