Contará con 14 quilómetros de lonxitude e percorrerá 8 barrios
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou un novo corredor de 14 quilómetros de carril bici, “que será a primeira senda vende ciclista da cidade”, e cuxo itinerario permitirá percorrer e completar un circuíto, de oeste a este e de norte a sur, transcorrendo por 8 barrios da zona DUSI: Paseo do Miño, Parque Rosalía, Ronda do Carme, Fonte dos Ranchos, Lamas de Prado, Abella, A Residencia e Camiño Real.
Este proxecto enmárcase na estratexia DUSI - Muramiñae, posta en marcha pola rexedora con fondos europeos co fin de unir a trama urbana da cidade co río Miño para que “Lugo deixe de vivir de costas á contorna fluvial”.
Méndez sostivo que se dá un paso moi importante para o municipio, moi deficitario de vías ciclistas, e que se integra plenamente “na nosa aposta por un modelo de cidade máis sostible e transitable, onde gañemos espazos para as persoas fronte as automóbiles, favorecendo unha mobilidade activa, máis amable e tranquila, promocionando hábitos de vida máis saudables e reducindo a contaminación grazas a unha forma de transporte máis limpa e eficiente desde un punto de vista enerxético”.
Lembrou que Lugo está a avanzar en firme co fin de ser municipio sostible e respectuoso co medio ambiente, “e a bicicleta nin emite gases contaminantes nin xera contaminación acústica, pero ademais é un importante protector do sistema cardiovascular. Tamén, durante esta pandemia demostrou ser un medio de transporte especialmente recomendado xa que permite salvagardar o distanciamento social fronte o COVID-19”, argumentou.
Lara Méndez sostivo que esta será a primeira rede viaria ciclista “pero a nosa intención é que se vaia ampliando para conectar máis zonas da cidade”.
No deseño deste circuíto ciclista primou a comodidade; a cohesión interna, e tamén con outras redes como a do transporte urbano; a rectitude, tanto en distancia como en tempo (buscando o traxecto máis curto) e o atractivo da ruta. Pero especialmente primou a seguridade, do ciclista e tamén dos peóns, “polo que integrará bicisendas segregadas do tráfico rodado nas rúas onde foi posible por ter suficiente anchura, con viais de coexistencia como os que xa temos, por exemplo, na Ronda da Muralla, onde a velocidade máxima é de 30 km/h. Nestas novas vías queremos rebaixar esta velocidade a 20 km/h.”