Skip to main content

A estratexia de Turismo do Eixo foi seleccionada como Boa Práctica Europea por Interreg Europe

A estratexia de Turismo do Eixo foi seleccionada como Boa Práctica Europea por Interreg Europe

Dous países, un destino foi seleccionada como unha do tres mellores prácticas a escala europea en materia de turismo sustentable.

O 29 de maio desenvolveuse, impulsado polo programa Interreg Europe, un debate en liña sobre como o patrimonio cultural representa unha oportunidade para o turismo sustentable. Neste contexto, os expertos do programa seleccionaron tres prácticas a nivel europeo interesantes pola súa formulación e o seu potencial de réplica noutros territorios. Nesta selección atópase a política de turismo do Eixo Atlántico.

Así, baixo o título “Dous países, un destino” o Eixo Atlántico presentou a súa estratexia de turismo, os valores que nela subxacen e as accións que dela se derivan. Neste sentido, a xeración de masa crítica, o traballo en equipo de todas as cidades por un obxectivo común ou o complementarse para competir foron os aspectos máis destacados da presentación. Unha presentación que colocou ás actividades de turismo do Eixo, con especial mención a Expocidades, en boca dos máis de 80 expertos en turismo que asistiron ao debate.

O Eixo participou neste debate tamén en representación do proxecto EPICAH, o cal lidera, que está centrado na mellora dos instrumentos de cooperación transfronteiriza para a valorización do patrimonio natural e cultural como elemento de valor para o turismo sustentable.