incidiuse na importancia de pór en marcha medidas transversais unha vez se levanten as restricións derivadas do estado de alarma
Galicia solicitou ao Goberno central a convocatoria dun Consello Xacobeo extraordinario para abordar o impacto da crise do coronavirus no Camiño de Santiago.
Así llo trasladou o conselleiro galego de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, ao ministro de Cultura e Deporte, José Manuel Rodríguez Uribes, a través dunha carta na que o representante da Xunta subliña a necesidade de reunir de maneira telemática a este órgano de coordinación entre o Executivo central e as autonomías polas que pasa a Ruta Xacobea.
Tras escoitar as demandas das asociacións de amigos do Camiño en Galicia, Román Rodríguez solicita ao ministro de Cultura e Deporte axilizar esta convocatoria para analizar as medidas que permitan minimizar as consecuencias da actual crise sanitaria nos distintos itinerarios.
Lembrou que, ademais da dimensión cultural e histórica, o Camiño de Santiago ten un enorme impacto nas economías dos territorios polos que transcorre, de maneira especial ao sector turístico e as industrias creativas, polo que a situación afecta a numerosos traballadores, autónomos e pequenos e medianos empresarios.
Neste sentido, o responsable de Cultura e Turismo da Xunta incidiu na importancia de pór en marcha medidas transversais unha vez se levanten as restricións derivadas do estado de alarma.
Ademais, resaltou que, a pesar de que Galicia é a meta e conta con 1.500 quilómetros, o Camiño de Santiago é un fenómeno con repercusión na maioría das comunidades autónomas e que representa os valores da Marca España en todo o mundo.
Precisamente, o conselleiro destacou a importancia do próximo Xacobeo 2021 por entender que pode actuar como motor e estímulo económico das industrias culturais e turísticas da nosa Comunidade e do conxunto do país, para o que se precisa do apoio estatal.