Skip to main content

O Camiño Portugués dispárase ao 21% do total dos peregrinos

O Camiño Portugués dispárase ao 21% do total dos peregrinos

Os alcaldes da área metropolitana piden á Xunta que leve a efecto o Plan Director

O Camiño Portugués de Santiago segue sumando novos éxitos; e failo, como até agora, en silencio, sen facer moito ruído e sendo o irmán pequeno de todos os camiños en canto a promoción e melloras refírese. As cifras oficiais de peregrinos de setembro de 2016 déixannos outro repunte espectacular até alcanzar case o 21% do total dos peregrinos (20,80%) con 8.354. Isto xa quere dicir que, antes das melloras e a promoción do Plan Director, alcanzouse xa o obxectivo do 20% que se marcaban algúns organismos como o Eixo Atlántico. Para facernos unha idea do seu crecemento, empregando os datos de setembro dos últimos anos pódese ver a evolución clara do seu crecemento real nos últimos 5 anos crecendo en 5.000 peregrinos e en case un 9%.

Setembro de 2012: 3.354 peregrinos (12,28%)

Setembro de 2013: 4.119 peregrinos (13,33%)

Setembro de 2014: 5.407 peregrinos (15,69%)

Setembro de 2015: 6.440 peregrinos (17,20%)

Setembro de 2016: 8.354 peregrinos (20,80%)

*Datos oficiais da Oficina do Peregrino do Arcebispado de Santiago de Compostela.

Desde o Eixo Atlántico e desde o Goberno de Portugal está a traballarse en impulsar o Camiño de Santiago e niso están. O propio primeiro ministro Antonio Costa comprometeu fondos desde o Ministerio de Cultura para a súa promoción; o presidente da República, Marcelo Rebelo de Sousa comprometeuse tamén persoalmente a impulsalo e, desde o Eixo, o seu presidente e alcalde de Braga, Ricardo Río tamén o fixo cunha auditoria sobre albergues, sinalización e seguridade que se presentará en breve a súa segunda parte. É máis, aproveitando a visita do Papa Francisco a Fátima en 2017, Portugal quere impulsar o Camiño de Fátima e o Camiño Portugués de Santiago. Pero falta tamén que a Xunta de Galicia aposte decididamente polo Plan Director que se comprometeu a desenvolver para a súa potenciación e que seguen reclamando desde diferentes concellos polos que pasa tanto o Camiño Portugués tradicional como o Camiño Portugués pola Costa.

 

Ver noticia original