A concellería de mobilidade agasallará a todos os participantes con petos reflectantes co logo do VaiBike
Vilagarcía acolle o sábado pola noite un dos eventos xa tradicionais do verán na cidade. Trátase do paseo Nocturno en Bico organizado pola Asociación Arousa en Bici e a Concellería de Mobilidade do Concello. A actividade, aberta a persoas de todas as idades, dará comezo ás 22:30 horas dende o Cavadelo para cubrir o circuíto que pasará por Vilaxoán e Carril. Esta actividade, que naceu co obxectivo de promover o uso da bicicleta na cidade, adquire este ano un significado especial posto que coincide coa recuperación do servizo de aluguer de Bicicletas VaiBike e entra dentro das accións que está a levar o Concello en pro da mobilidade e do uso de medios de transporte alternativos.
As persoas que desexen participar no paseo deberán acudir coas súas bicicletas á zona do Cavadelo, dende onde o pelotón partirá ás 22:30. Tamén poderán participar utilizando as bicicletas do VaiBike que se pon en marcha esta fin de semana.Todos os participantes irán pertrechados cos petos reflectantes con que os agasallará a Concellería de Mobilidade e que levarán o logo do VaiBike.
O percorrido a realizar é o mesmo que sempre, configurándose nun circuíto que levará aos cicloturistas ata Vilaxoán para volver polo mesmo camiño cara Vilagarcía, continuar ata Carril polo paseo marítimo e regresar ao punto de partida onde se dará por concluída a actividade. Pero a festa non terminará aí posto que ao remate do paseo, Arousa en Bici sorteará entre os participantes diversos accesorios deportivos e para ciclistas e tickets de xelados para os máis cativos.
Efectivos da Policía Local e do Servizo Municipal de Emerxencias acompañarán aos ciclistas para garantir a seguridade durante todo o percorrido.
Tanto Concello como o colectivo animan a todos os vilagarciáns a participar no Paseo Nocturno, ben sexa a título persoal como en familia ou cun grupo de amigos. A intención da actividade é pasar un rato agradable andando en bicicleta e poñer de manifesto a idoneidade das rúas de Vilagarcía para trasladarse neste medio de transporte tanto a modo de ocio como para os desprazamentos cotiás e ao longo de todo o ano.