A páxina web da Festa do pulpo xa está dispoñible en inglés, cumprindo cos requisitos esixidos para a declaración de Festa de Interese Internacional. O Ministerio de Comercio, Industria e Turismo modificou recentemente os requisitos para a declaración de festas de interese turístico internacional. Entre os novos criterios de valoración para conseguir esta declaración, figura que a festa que opte á mesma debe contar cunha páxina web propia, e que esta debe estar traducida ao inglés, independentemente de que utilice outros idiomas. O Concello destaca que a web da Festa do pulpo www.festadopulpodocarballino.com estaba en dous idiomas, o galego e o castelán, pero non estaba traducido ao inglés, polo que a concellaría de Turismo encargou a tradución a ese idioma. Pero ademais, aproveitou a remodelación da páxina para actualizar os contidos, engadir nova información, como a oferta hostaleira, e novas imaxes e vídeos. Tamén mellorou o acceso desde calquera tipo de dispositivo, incluídos os móbiles. A festa do pulpo de Carballiño 2020 celebrarase o domingo 9 de agosto.