A Deputación de Lugo poñerá en marcha con Renfe un tren turístico para promocionar a Ribeira Sacra e o conxunto da provincia

Para José Tomé, o tren é un medio cada vez máis apreciado e valorado pola súa modernidade, a súa sustentabilidade
O Presidente da institución provincial, José Tomé Roca, asinou en Monforte co presidente da entidade ferroviaria, Isaías Táboas, un acordo de colaboración para impulsar unha iniciativa “que reforza a estratexia da Deputación en favor dun turismo sostible, de calidade, de experiencias, que pon en valor o patrimonio e crea riqueza”
Esta nova iniciativa “consistirá en traxectos que, aproveitando a chegada do AVE a Ourense, trasladarán aos viaxeiros ata Monforte, dende onde partirán rutas específicas, en autobús, a diversos puntos de interese, como monumentos, paraxes naturais, bodegas ou que enlazarán coas rutas fluviais en catamarán da Deputación”, explicou Tomé Roca
A institución provincial traballa “cunhas previsións económicas optimistas, no sentido de que este proxecto non terá custe” nin para a Deputación nin para Renfe, e será auto sustentabilidade, tendo en conta que a Ribeira Sacra está de moda como destino, e o tren é un medio cada vez máis apreciado e valorado pola súa modernidade, a súa sustentabilidade e a súa capacidade para facernos recorrer as paisaxes a un ritmo áxil, pero sen perder nin un só detalle.
Unha vez asinado hoxe o protocolo de intencións entre a Deputación de Lugo e Renfe, para a posta en marcha efectiva deste servizo será necesaria a elaboración e aprobación dun convenio de colaboración entre ambas institucións, no que se definirá a oferta concreta do tren turístico, as rutas a realizar e a tempada de funcionamento, que normalmente se estende entre os meses de primavera e outono.