A Coruña sitúase como líder na subida do crecemento turístico da zona norte, segundo o Balance da rendibilidade e o emprego dos 105 principais destinos turísticos españois urbanos e de vacacións
O informe, realizado por Exceltur, corresponde ao segundo cuadrimestre de 2019. O estudo revela un incremento do 18,2% do seu índice RevPAR e sitúase como a cidade que máis subiu dentro da comunidade galega, seguida de Lugo, cun aumento do 15,9%; Pontevedra, +11,6% e Santiago de Compostela, cun 6,8% máis dun valor que mide os ingresos por habitación dispoñible.
Da franxa noroeste de España, A Coruña é a que obtivo unha maior demanda turística con respecto aos números anteriores. A súa subida é maior con respecto a outras capitais como Santander.
Deste xeito, Coruña lidera o RevPAR urbano durante o verán con 157,6 euros por encima dos outros destinos de vacacións. En concreto, A Coruña recibiu un 14,2% máis de visitantes de fóra. Estes datos confirman a boa posición da cidade no ranking feito por Exceltur, que publica cada catro anos unha análise do comportamento turístico das cidades.
Na última realizada en 2016, Coruña aparecía no posto 20 de 22 destinos, polo que todo fai prever que, no seguinte, que sairá en 2020, as estatísticas sexan máis favorables para a cidade.