Zamora reunirá especialistas do sector turístico de oito rexións transfronteirizas europeas o 17 e 18 de abril
O proxecto Epicah, que vén sendo desenvolvido hai un ano e medio, realizará no Centro Cultural Palacio da Alhóndiga de Zamora a súa cuarta reunión de traballo
Representantes de oito rexións fronteirizas europeas reúnense a próxima semana en Zamora lideradas pola Asociación Ibérica de Municipios Ribeiregos do Douro, AIMRD, á que pertence Zamora, e polo Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular (Eurorexión Galicia-Norte de Portugal) no ámbito do proxecto europeo EPICAH, financiado polo INTERREG EUROPE e cuxa finalidade é a integración de proxectos de turismo nos programas de cooperación 2021- 2027.
O turismo, a pesar de ser un dos grandes motores económicos de Europa, non conta cunha política europea definida nin cun instrumento que a financie, elementos que son continuamente reclamados por entidades locais e rexionais e moi especialmente polas que promoven o turismo transfronteirizo, como a AIMRD ou o Eixo Atlántico.
O proxecto Epicah, que vén sendo desenvolvido hai un ano e medio, realizará no Centro Cultural Palacio da Alhóndiga de Zamora a súa cuarta reunión de traballo, coa participación de representantes de oito rexións transfronteirizas europeas. Durante a reunión do martes, 17, será abordado o informe que unha comisión de especialistas internacionais elaborou para este proxecto sobre a situación e potencialidades do turismo de fronteira. Este informe, que será entregado á Comisión Europea antes do verán, recolle un conxunto de recomendacións sobre a inclusión de políticas de turismo nos obxectivos e prioridades de financiamento dos Fondos Estruturais para o período 2021-2027.
Seminario
No ámbito destas reunións terá lugar o mércores 18 un seminario aberto ao sector turístico xeral no cal serán debatidos algúns dos modelos de referencia no territorio en ámbitos emerxentes en Europa como o enoturismo ou o turismo termal. Concretamente serán analizadas as experiencias de Zamora, Eurocidade Chaves-Verín e Ribeira Sacra, zona centrada no enoturismo e que está a traballar na súa proposta para ser clasificada como Patrimonio da Humanidade. Tamén o presidente da Ruta do Viño de Toro, Beatriz Fernández, falará sobre turismo enológico e natural.
No seminario participarán tamén responsables dos programas de cooperación transfronteiriza tanto do Ministerio de Facenda español como da Axencia portuguesa, así como o xerente do Xacobeo, que xestiona e coordina os camiños de Santiago na súa totalidade.
Especificamente, os socios participantes no proxecto EPICAH son: AIMRD (España), TOKAJ (fronteira Eslovaquia/Hungria), ASEV (fronteira Italia/Francia. Fronteira marítima), RWM (Grecia. Fronteiras exteriores), Peipsi (Eurorrexión Estonia-Lituania), Pilsen (Fronteira Alemaña- República Checa), Satu Mare (Fronteira Romanía/Hungria) e Eixo Atlántico (Eurorrexión Galicia- Norte de Portugal).