Skip to main content

Seminario sobre cooperación transfronteiriza: "Unha fronteira que nos une, unha fronteira de desenvolvemento"

Seminario sobre cooperación transfronteiriza: "Unha fronteira que nos une, unha fronteira de desenvolvemento"

Celebrouse o pasado 5 de outubro na Universidade de Vigo

O pasado día 5 de outubro celebrouse na Universidade de Vigo un seminario sobre cooperación transfronteiriza co título "Unha fronteira que nos une, unha fronteira de desenvolvemento".

O título correspóndese coa obra da que é un dos autores Carlos Beltrán, técnico da administración do Estado e responsable dende o ano 1986 do seguimento da aplicación de fondos comunitarios no suroeste europeo.

A intervención do coautor do estudo centrouse nas características da aplicación dos diferentes programas comunitarios cos fondos Interreg entre España e Portugal.

Na segunda parte do seminario, participaron tamén Luís Domínguez Castro, titular da Cátedra Jean Monnet na Universidade de Vigo, e Francisco Xavier Martínez Cobas, comisionado de plans estratéxicos.

No debate tratouse sobre o efecto positivo dos programas, e a estimación dun 90% dos fondos aplicados sobre as NUT3 que conforman a fronteira (as provincias limítrofes, no caso español), e un 10% para as NUT3 adxacentes (provincias en contacto físico coas provincias limítrofes).

A distribución dos fondos ten sido diferente por programas e por territorios de contacto na fronteira. A de maior relevancia, entre Galicia e Norte de Portugal, foi a que canalizou maior número de iniciativas, sendo a meirande parte infraestruturas. Os fondos dedicados ao I+D na Eurorrexión achegáronse ao 20% do total dos aplicados.

O seminario rematou cun debate entre os asistentes. En particular, tratouse a ausencia de indicadores de resultado nos primeiros programas Interreg, así como o emprego dos fondos sobre as NUT3, o que pode limitar o impacto nos concellos limítrofes entre os dous países, pola dispersión das accións no conxunto das provincias.