Skip to main content

Restablecidos os controis nas fronteiras terrestres no marco das medidas de contención do COVID-19

Restablecidos os controis nas fronteiras terrestres no marco das medidas de contención do COVID-19

O Goberno de España decretou o restablecemento dos controis das fronteiras terrestres no marco das medidas de contención do COVID-19, unha medida que entrará en vigor ás 00.00 horas desta noite e prolongarase mentres dure o estado de alarma

O obxectivo desta medida, do mesmo xeito que o resto de resolucións adoptadas ao amparo do Real Decreto de Estado de Alarma, é protexer a saúde e seguridade dos cidadáns e conter o coronavirus.
En concreto, a partir desta medianoite, só se ermitirá a entrada en territorio nacional por vía terrestre a cidadáns españois; persoas residentes en España; traballadores transfronteirizos e aqueles que acrediten, documentalmente, causas de forza maior ou situación de necesidade.
A resolución sinala que esta restrición non se aplicará ao transporte de mercadorías "co fin de asegurar a continuidade da actividade económica e de preservar a cadea de abastecemento".
A medida tampouco afecta o persoal estranxeiro acreditado como membro das misións diplomáticas, oficinas consulares e organismos internacionais sitos en España, sempre que se trate de desprazamentos vinculados ao desempeño de funcións oficiais.
Actívase desta forma o artigo 28 do Código de Fronteiras Schengen, que permite restablecer temporalmente os controis nas fronteiras interiores en situacións como a actual.

Protección da saúde
A resolución explica que as medidas adoptadas no Real Decreto de estado de alarma para facer fronte ao COVID-19 así como as decretadas, co mesmo fin, por outros Estados membros da Unión Europea e por terceiros países, "levan directa ou indirectamente serias restricións da mobilidade dentro do propio territorio, á entrada ou á saída".
O restablecemento das fronteiras terrestres adóptase ante a necesidade de "habilitar a posibilidade de restrinxir aqueles movementos de persoas que non vaian poder ter continuidade até o punto de destino programado, ben por resultar incompatibles coas medidas adoptadas dentro do territorio español, ben por non ser posible a súa continuación en ou cara a outros territorios".
Tamén se tivo en conta, no marco dos labores de contención do virus, a necesidade de "dar preferencia a movementos máis urxentes de persoas ou mercadorías."

Coordinación coa Unión Europea
A decisión vai ser comunicada aos organismos responsables da Comisión Europea, ao resto de Estados membros da Unión Europea e aos Estados asociados a Schengen.

Link comunicado oficial do Goberno de España