Publicado no boletín oficial do Estado por valor de 21,5 millóns de euros
Portugal sacou hoxe a concurso de forma oficial a electrificación do tramo ferroviario que conecta os municipios lusos de Nine e Viana do Castelo
O procedemento será supervisado por Infraestruturas de Portugal, e o prazo de execución estímase en 450 días.
A licitación desta electrificación estaba inicialmente anunciada para o mes de setembro, tal e como figuraba nun dos acordos alcanzados na XXVIII cume hispano-lusa, celebrada en xuño do ano pasado na localidade pontevedresa de Baiona.
Con todo, as eleccións e o cambio de Goberno rexistrado en Portugal atrasaron o concurso, que xa foi anunciado o pasado 17 de febreiro polo ministro de Plan e Infraestruturas, Pedro Marques, durante a súa participación na asemblea do Eixo Atlántico.
Entre os criterios de adxudicación, o máis importante será o prezo, cun peso na decisión do 50 %, seguido da valía técnica (30 %), a xestión de seguridade (10 %), a xestión en calidade (5 %) e a xestión ambiental (5 %).
As empresas interesadas deberán facer chegar as súas propostas durante os dous próximos meses, de acordo co documento.
A Liña do Miño conecta a cidade portuguesa do Porto e Vigo, e a súa electrificación -que permitirá aumentar a velocidade dos trens e a mellora dos convois- é un dos grandes obxectivos históricos da eurorrexión.
Nunha segunda fase está previsto que se saque a concurso a electrificación do último tramo desta liña que aínda queda pendente en chan luso, desde Viana do Castelo até Valença do Minho, limítrofe con Galicia.
Vigo e Porto están conectados desde 2014 cun tren directo que completa o traxecto en dúas horas e cuarto, e coa mellora da Liña do Miño a viaxe reducirase até os 90 minutos