O Eixo Atlántico aplaude este anuncio e lembra a necesidade da saída sur de Vigo
O Goberno portugués acaba de abrir o concurso para a obra pública de electrificación da vía férrea entre Viana do Castelo e Valença, cun orzamento de 23 millóns de euros para este tramo.
Con este concurso Potugal cumprirá o obxectivo de que en 2019 poida circular un tren Alfa Pendular entre Valença e Lisboa así como reducir sensiblemente os tempos do traxecto Vigo-Porto.
A apertura do concurso foi presentada este venres 17 na estación de ferrocarril de Valença, coa presenza do ministro de Planeamento e Infraestruturas de Portugal, Pedro Marques, así como alcaldes de ambos os lados da a fronteira e o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao.
Segundo explicou Marques, as obras de electrificación deste tramo, duns 49 quilómetros, completan toda a liña férrea entre Porto e a fronteira con España. En territorio español quedan pendentes un cinco quilómetros entre a fronteira e a localidade de Guillarei, en Tui.
Pedro Marques subliñou que, contando co investimento deste tramo confirmada este venres, o goberno luso destinou máis de 83 millóns de euros (cofinanciados con fondos europeos) á modernización desta liña férrea. "Son traballos moi complexos, pero demandados durante décadas", recalcou, e valorou a "loita" dos alcaldes e dirixentes locais por lograr esta infraestrutura estratéxica no desenvolvemento de sectores como a automoción ou para o porto de Leixôes.
Saída sur de Vigo
Pola súa banda, o secretario do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, destacou o esforzo do Goberno portugués por cumprir os seus compromisos en materia de modernización, tanto da liña do Miño como da chamada 'liña do Norte' (Lisboa-O Porto). Segundo admitiu, a electrificación ata a fronteira con España suporá unha mellora importante nos tempos de viaxe, en materia de seguridade e confort, entre outros ámbitos. No entanto, e a pesar do anuncio de que se completará a electrificación entre a fronteira e Tui, advertiu de que "non chega". A alternativa definitiva pasa polo saída sur de Vigo", indicou, explicando que esa saída, desde a nova estación do AVE da cidade, e cuxo custo estima nuns 450 millóns, implicaría a construción dun novo trazado ata a fronteira con Valença (uns 30 quilómetros). Así, segundo explicou, liquidaríanse os problemas do actual trazado, entre eles, o paso polo centro urbano do Porriño. A liña actual podería converterse, segundo propón o Eixo Atlántico, nunha liña de "metrotren" para dar servizo a municipios da área metropolitana, con apeadeiros en diferentes localidades e polígonos industriais.