Skip to main content

O Foro das Cidades da Unión Europea acolle ó Eixo Atlántico

O pasado 2 de xuño, o Eixo Atlántico tomou parte na segunda edición do Foro CITIES, organizado pola Comisión Europea no marco da configuración dunha Axenda Urbana Europea.
Na conferencia, na que estiveron presentes máis de 200 representantes de cidades e actores interesados da política urbana europea, a Comisión Europea presentou os resultados da consulta europea realizada o pasado ano, acerca da necesidade dunha Axenda Urbana europea.

Ademais de acoller un debate de alto nivel, o Foro foi escenario do anuncio da próxima convocatoria das Iniciativas Urbanas Innovadoras, un novo instrumento de financiamento da UE ás políticas urbanas, dirixido a cidades de máis de 50.000 habitantes ou a grupos de cidades. Acerca disto, a Comisión Europea informou que ten dispoñible un total de 371 millóns de euros para o período 2015-2020.
A primeira convocatoria destas axudas está prevista no mes de outubro-novembro, cun montante dispoñible de ao redor de 100 millóns de euros para financiar proxectos dirixidos a desenvolver e testar solucións innovadoras aos retos urbanos. Neste sentido, espérase que a convocatoria vaia ligada ás prioridades da Axenda Urbana europea. O financiamento máximo dispoñible por proxecto será de 5 millóns de euros, co-financiando cada proxecto ao 80%. A duración máxima de cada proxecto será de 3 anos.
Ademais de asistir ao Foro, o Eixo Atlántico aproveitou a ocasión para reunirse con funcionarios europeos de alto nivel para tratar, entre outras cuestións, as orientacións para elaborar a Axenda Urbana do Eixo Atlántico.