Skip to main content

O Eixo Atlántico defende a política de cohesión en Bruxelas

O Eixo Atlántico defende a política de cohesión en Bruxelas

José Maria Costa e Vázquez Mao presentan á comisaria europea de Política Rexional a postura de ambos organismos

O presidente da Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas, José María Costa e o secretario xeral da RIET e do Eixo Atlántico (entidade integrada na RIET), Xoán Vázquez Mao, reuníronse en Bruxelas coa comisaria europea de Política Rexional, Corina Cretu, para trasladar a posición política de ambos os organismos sobre a cohesión.

O próximo orzamento comunitario, primeiro post brexit, está comezando a ser debatido en Bruxelas no medio dunha encarnizada batalla entre os países contrarios e favorables a manter as políticas de cohesión.

A supervivencia das políticas de cohesión, tal e como se lle trasladou á comisaria, non só é esencial para o sur de Europa e especialmente para os países que sufriron a crise, senón que debe constituír o eixo central do proxecto de construción europea que debe saír reforzado tanto da crise económica como da saída do Reino Unido. Esta política de cohesión debe prestar unha atención especial tanto á política urbana como de cooperación transfronteiriza, que foron historicamente os dous eixos principais sobre os que se construíu a Europa das cidades e a Europa sen fronteiras.

 C4C, cidades pola cooperación

Á reunión tamén asistiron os dirixentes da Conferencia de cidades do Arco Atlántico e Medcities, cidades do Mediterráneo, que xunto coa RIET constitúen a plataforma C4C (cidades pola cooperación) constituída o ano pasado para defender os intereses das fronteiras do sur de Europa ante as institucións europeas.

As redes integradas en C4C elaboraron o documento que hoxe se entregou, ao que tamén se adheriu o Foro Adriático e Xónico que integra cidades do Adriático (Italia, Eslovenia e Croacia) e do Xónico (Grecia), o que supón que o documento representa o sentir do conxunto de cidades dos  territorios fronteirizos de todo o sur de Europa.

Este documento recolle ideas clave sobre o futuro da cooperación territorial europea e da cooperación transfronteiriza  entre as que destacan:

-A Cooperación Territorial Europea debe seguir unha estratexia común. Debe adoptarse unha estratexia para a cooperación territorial europea antes de identificar os instrumentos de programación para a súa aplicación.

Máis recursos financeiros

-A cooperación territorial europea debe estar dotada de máis recursos financeiros que, ademais, deben estar  distribuídos de forma máis eficaz para promover unha mellor materialización dos obxectivos da Política de Cohesión. É necesario asignar recursos ao programa e non aos Estados membros, dobrar os recursos financeiros asignados á cooperación territorial, estimular o uso de adiantos (pre-financiamento) para promover a participación e,  polo menos, manter os niveis actuais de cofinanciamento.

-Promover un seguimento estratéxico e operativo da cooperación territorial europea a nivel europeo e de cada programa, valorando o papel das entidades creadas para a cooperación territorial europea con natureza xurídica e actividade permanente. Neste marco, promover, por parte da Comisión Europea,  a creación dun foro europeo das cidades  para a cooperación territorial europea con natureza xurídica e actividade permanente, que integre ás autoridades locais e as súas redes, promovendo unha avaliación anual da cooperación territorial europea en varios planos e espazos. Tamén se expón a Creación dun Observatorio Europeo de Cooperación Territorial, independente da Comisión Europea no seu funcionamento.

-Por último, os programas de cooperación territorial europea deberán incorporar un modelo de xestión adaptado á súa natureza supranacional, que adopte normas e procedementos administrativos claros, obxectivos, estables e publicitados axeitadamente. Definir as responsabilidades das diferentes autoridades do programa, de acordo á natureza supranacional dos programas de cooperación territorial europea. Evitar a duplicidade de responsabilidades, definindo claramente o papel dos secretariados técnicos e aplicar de maneira efectiva o Código de Conduta para a gobernación multinivel, estimulando a participación das autoridades rexionais, locais e urbanas, así como das entidades de cooperación, na definición dos programas e as súas normas.

Esta estratexia conflúe coa dos gobernos do sur de Europa que veñen mantendo reunións desde o ano pasado, estando prevista a próxima -previsiblemente en Portugal- no primeiro semestre deste ano.

José Maria Costa, presidente da RIET, destacou que sen cohesión non hai proxecto europeo.

A comisaria de Política Rexional agradeceu o documento e manifestou que esta reunión  chegaba no momento xusto e que era moi importante escoitar tamén a voz das cidades.

Así mesmo, Cretu destacou que España necesita ser moito máis activa. “España é un país grande e a súa voz non está a ser escoitada. España, Portugal, Italia e Grecia non están a falar sobre cohesión a pesar de que é unha política moi importante para eles. Deben de tomar a palabra”, indicou.

DESCARGA O DOCUMENTO

English

Português

Español

GALERÍA DE FOTOS