Skip to main content

Os alcaldes de Pontevedra e Braga participan en Atenas no “Champion Mayors” organizado pola OCDE

Os alcaldes de Pontevedra e Braga participan en Atenas no “Champion Mayors” organizado pola OCDE

O alcalde de Braga falou da aposta do seu municipio cara á innovación mentres o de Pontevedra defendeu que “facer cidades mellores é posible”

Os alcaldes de Braga e Pontevedra, ambas as cidades integradas no Eixo Atlántico, participaron no cuarto encontro “Champion Mayors” para o Crecemento Inclusivo da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) celebrado na cidade grega de Atenas.
NESTE encontro foi aprobado a ruta para o Crecemento Inclusivo que pon o foco no modo en que as cidades poden promover a innovación nos sectores públicos, tecnolóxico e social.
Ricardo Rio, alcalde de Braga destaco a aposta que o sector público fixo na innovación e o esforzo para estimulala xunto ao emprendedurismo entre axentes privados e públicos da sociedade civil. O alcalde resaltou a importancia que para Braga ten a participación neste foro da OCDE. Ricardo Río abordou algúns proxectos que foron implementados os últimos anos, como “Braga a Sorrir”, proporcionando coidados de saúde oral ás familias máis desfavorecidas ou a política de oferta de manuais escolares no primeiro ciclo escolar. Ademais presentouse o “Human Power Hub”, un proxecto que en breve comezará na cidade e que se destina a promover proxectos de innovación social para todas as idades, desde os máis novos aos máis anciáns.
Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, explicou a experiencia de Pontevedra como innovación en políticas públicas ao facer unha gran defensa do espazo público como dereito básico, tal e como resumiu a moderadora do congreso, quen asegurou que nas cidades era viable reducir o uso do vehículo persoal e mellorar a mobilidade nas urbes do planeta.
Indicou que o espazo público ten que ser ocupado polas persoas, especialmente polas máis desfavorecidas, o que suporá a restrición drástica dos vehículos, e iso suporá o incremento da cohesión social, da convivencia en definitiva, da democracia.
“É posible”, indicou Fernández Lores quen puxo a Pontevedra de exemplo onde se reduciron nun 90% os vehículos no centro da cidade e nun 57% na trama urbana; eliminouse un 67% de emisións de CO2 á atmosfera, mellorando a calidade do aire. Ademais, lembrou que Pontevedra leva 9 anos sen mortos por atropelos e reducíronse considerablemente os feridos graves por accidente de tráfico; e sobre todo, destacou o orgullo dos pontevedreses por vivir nunha cidade habitable.