Skip to main content

As políticas industriais en Galicia e Portugal, protagonistas en Radio Vigo

As políticas industriais en Galicia e Portugal, protagonistas en Radio Vigo

O alcalde de Viana do Castelo, o presidente de Izmar e o secretario xeral do Eixo Atlántico debateron sobre as supostas deslocalizacións

Para os empresarios o mundo é global e temos que producir onde poidamos ser máis competitivos ou onde estean os nosos clientes. Non se pode criticar á Administración de Portugal porque estea a facer as cousas ben”. Así de claro expresouse o presidente de Izmar, compañía do sector da automoción con sede en Vigo e clara proxección internacional durante o debate mantido no programa “Hoy por hoy” de Radio Vigo.

O alcalde de Viana do Castelo, José María Costa;  o presidente de Izmar, Franscisco Izquierdo; e o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, debateron sobre as supostas deslocalizacións de empresas a Portugal.

Durante o programa, que se emite na Cadena Ser, Localia e Antena Minho, o presidente da Cámara de Viana apuntou algunhas das claves do atractivo industrial do territorio portugués actualmente, como é o propio traballo das administracións, que sempre están abertas a recibir a empresarios e facilitar a instalación de empresas, a paz social, a existencia de man de obra cualificada ou unhas boas infraestruturas, que facilitan a mobilidade. “Que haxa empresas auxiliares de Citröen no Alto Miño é unha seguridade para que a multinacional non se vaia de Vigo”, destacou Costa.

Pola súa banda, o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, indicou que Portugal “encamiña fondos europeos para atraer empresas ao seu territorio, non son axudas ilegais. Galicia, porén, non ten política industrial nin de Eurorrexión”. Nesta liña, Vázquez Mao apostou tamén por vincular a investigación e a Universidade co mundo empresarial para mellorar a competitividade do noso territorio.

Francisco Izquierdo tamén quixo deixar claro que poder abrir delegacións no Norte de Portugal é unha oportunidade, xa que todo o que se produza na Eurrorexión benefícianos a todos. “Estamos a crecer cara a Portugal e tamén en Galicia”, indicou.